O Sergas fará un cribado na Pobra do Brollón esta semana
A Pobra do Brollón é un dos tres concellos da provincia que manterá esta semana as restricións de mobilidade, xunto a Guitiriz e Lourenzá. Por ese motivo, debido á alta incidencia da covid, o Sergas fará un cribado poboacional no municipio co fin de detectar casos asintomáticos e cortar as cadeas de transmisión.
O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, anunciou hoxe que ese cribado na Pobra do Brollón se levará a cabo entre o venres 5 e o sábado 6 de marzo, no centro de saúde da localidade. Serán citadas unhas 300 persoas, con idades comprendidas entre os 30 e os 70 anos.
Ramón Ares explicou que o número de casos activos na Pobra do Brollón é relativamente "pequeno" pero ao tratarse dun concello con poucos habitantes "a incidencia dispárase".