O Saviñao solicita melloras para a agrupación de voluntarios de protección civil

RibeiraSacraXa
El alcalde de O Saviñao solicitó mejoras para la agrupación de voluntarios de protección civil al director general de Emergencias.
Protección Civil saviñao
5 Mar 2022

O alcalde do Concello do Saviñao, Carlos Armesto, participou na visita do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Saviñao acompañado polo subdirector e o xefe territorial da Consellería de Presidencia.

“O encontro, ao que asistiu o presidente da agrupación e os voluntarios, serviu para abordar distintos temas coma a posibilidade de impartir un curso de seguridade básica no Saviñao, dotar ao Saviñao -como concello con saída ao río Miño e cunha praia fluvial con moita afluencia como é a Praia da Cova- dunha zódiac para casos de emerxencia ou sobre a entrega nos próximos días dun novo vehículo de protección civil”, explicou Armesto.

O alcalde puxo tamén en valor que se trata dunha agrupación “de recente creación, pero unha das novas que emerxe con máis forza”, xa que “suma 28 voluntarios e outras 47 persoas na reserva que son as que aínda non fixeron os cursos necesarios, pero que xa se anotaron na agrupación”.

Armesto agradece ao director e ao subdirector de Emerxencias a súa presenza no Saviñao onde puideron coñecer de primeira man “o labor que está a facer a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil acreditado coa cantidade de servizos prestados ao longo do ano”. Nesa liña, “seguiremos colaborando co equipamento da agrupación”.

A Xunta leva investidos máis de 56.600 euros no funcionamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Saviñao e na dotación de material, entre o que se inclúe un desfibrilador, un remolque de emerxencias e un vehículo pick-up.

0.19837808609009