O Saviñao presenta o programa completo de actividades da VI Festa da Vendima

O Concello de O Saviñao celebra este fin de semana a Festa da Vendima 2025 en Escairón, cunha programación dirixida a todos os públicos que combina música, obradoiros, xogos tradicionais e exposicións vinculadas á cultura do viño.
Durante o sábado, as actividades comezarán coa apertura da festa e a inauguración oficial da mesma. Os asistentes poderán participar nun obradoiro de cata de uvas e viño, impartido por Sonia Molero, xerente e sumiller de Uvepositvo, no stand Multiusos, mentres que a IXP Ternera Galega ofrecerá un taller de cociña en vivo.
A música en directo será un dos principais atractivos, con actuacións do Grupo Searas, a Charanga KM-0, Budiño, Broken Peach, o Grupo de Gaitas Os Tarabelos do Saviñao, Marcos Valcárcel, a Charanga Louband, o Grupo América e os Gin Toni’s.
Para os máis pequenos haberá xogos tradicionais como a Ra, a Chave, os Birlos ou o Muíño. Paralelamente, desenvolveranse obradoiros de artesanía, que inclúen torno cerámico, Gyotaku, cianotipias, estampado fotográfico e forxa tradicional, impartidos por artesáns locais.
Ademais, durante os dous días, o Ecomuseo Arxeriz trasladará parte dos seus fondos á Devesa de Escairón, amosando pezas representativas da cultura material vinculada ao mundo vitivinícola do Miño, con explicacións de voluntarias do museo local.