O Saviñao organiza unha ampla programación de actividades de Nadal

RibeiraSacraXa
Do 22 de decembro ao 5 de xaneiro o concello encherase de actividades dirixidas a toda a familia
nadal-o-saviñao
15 Dec 2025

O Concello do Saviñao presentou un amplo programa de actividades de Nadal que se desenvolverá entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, cunha proposta pensada especialmente para o público infantil e familiar.

A programación arrancará o domingo 21 de decembro coa visita á casa de Papá Noel. Ao longo da tarde celebraranse dous percorridos do “tren de Papá Noel”: ás 16.30 horas polas rúas de Currelos, con recepción posterior no Centro Sociocultural, e ás 18.30 horas polas rúas de Escairón. Neste último caso, a xornada completarase cunha recepción na casa de Papá Noel diante do Concello, con chocolate con churros e canón de neve.

Durante as semanas seguintes desenvolveranse diversos obradoiros creativos na Ludoteca de Escairón e no Centro Sociocultural de Currelos. O luns 22 de decembro celebrarase un obradoiro de coroa de paisaxe de Nadal, seguido o martes 23 dun obradoiro de mandala de Nadal. O venres 26 haberá dúas sesións do obradoiro de árbore de Nadal con chuches, unha pola mañá en Escairón e outra pola tarde en Currelos.

A programación continuará o luns 29 de decembro cun obradoiro de figuras de Nadal con masilla e plastilina, e o martes 30 cun obradoiro de calendario de ano novo, ambos na Ludoteca de Escairón. Xa en xaneiro, o venres día 2, desenvolverase un obradoiro de farol de Reis Magos pola mañá en Escairón e unha nova sesión do obradoiro de calendario de ano novo pola tarde en Currelos.

O programa pecharase o luns 5 de xaneiro coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis. Ás 16.30 horas terá lugar o percorrido por Currelos, con recepción posterior dos Reis Magos e os seus paxes no Centro Sociocultural, e ás 18.30 horas celebrarase a cabalgata en Escairón, cun itinerario que incluirá o Concello, a Residencia de Maiores e a Igrexa, rematando coa recepción no auditorio.

⚙ Configurar cookies
0.076858997344971