O Saviñao festexa un Samaín diferente
O Concello do Saviñao convoca un concurso online do Samaín de fotografías relacionadas con este tema. Haberá dúas categorías: categoría de disfraces e categoría de cabaza e cada participante poderá mandar ata un máximo de tres fotografías por cada categoría.
A idade á que está dirixida a actividade é a nenos e nenas de entre 0 e 16 anos.
Os participantes deberán enviar as fotografías ao enderezo electrónico concelleriadecultura@concellodosavinao.net ata o día 31 de outubro, ás 20 horas. No correo deberá aparecer o nome, apelidos, idade, dirección completa, teléfono de contacto e autorización para a publicación de fotografías.
Os participantes deberán recibir un correo de confirmación por parte do concello. Así pois, o día 1 de novembro, as imaxes recibidas subiranse ao facebook do concello. Por un lado, a que teña máis Me gusta en cada categoría ata o día 5 de novembro será unha das gañadoras do concurso.
Entre as fotografías restantes, un xurado formado por persoal do concello seleccionará un gañador ou gañadora por categoría baseándose na estética, esforzo, orixinalidade, etc. Así pois, cada gañador recibirá un vale de 50 euros para gastar no comercio local.