O Saviñao celebra a súa III Festa da Vendima os vindeiros 31 de agosto e 1 de setembro

RibeiraSacraXa
Esta iniciativa conta cun amplo programa de actividades que xiran arredor dos labores típicos da vendima, o viño, a gastronomía e o floclore
Festa-da-vendima-O-Saviñao-3
24 Ago 2024

O Concello do Saviñao celebra, por terceiro ano consecutivo, a Festa da Vendima, os vindeiros 31 de agosto e 1 de setembro, unha proposta fresca e diferente cun amplo programa de actividades que xiran arredor dos labores típicos da vendima, o viño, a gastronomía e o floclore.

Así, celebrarase nunha contorna natural, que é a Devesa, no corazón da vila de Escairón, e estará dirixido a todas as persoas que quieran descubrir a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía, tradición e artesanía local, con oficios centenarios como o de cesteiro.

A Devesa acollerá actuacións musicais que irán desde música galega e música de vangarda. Ademais, o viño será o protagonista, unindo tradición e historia e no que o visitante vivirá unha “experiencia inesquecible”, sosteñen desde o Concello.

Ademais da actuacións musicais, da gastronomía, da artesanía e da degustación de viños, o programa inclúe obradoiros infantís, obradoiros de Artesanía de Galicia, actividades no Ecomuseo Arxeriz e estará Eugenio Linares exhibindo o labor da talla en madeira con motoserra durante as dúas xornadas.

PROGRAMA COMPLETO

O sábado, 31 de agosto, comezará a actividade ás 11.00 horas coa apertura da Festa da Vendima, que virá seguida pola inauguración, que será ás 12.00 horas. Xa ás 12.30 horas terá lugar o obradoiro de cata de uvas e viños no stand multiusos e ás 13.00 horas será a actuación do grupo Searas. Xa ás 14.00 horas haberá un obradoiro de cociña en vivo de Tenreira Galega Suprema e ás 15.30 horas volverán actuar os Searas, para ás 17.30 horas desfrutar dun obradoiro de animación dirixida para nenos e nenas. A festa rematará coas actuacións da Charanga Europa, Rosa Cedrón, Mercedes Peón e a Banda de Balbina.

Pola súa parte, o domingo, 1 de setembro, abrirán os postos ás 11.00 horas e ás 11.30 horas terá lugar a actuación do Grupo de Gaitas Os Tarabelos do Saviñao, que levarán ás 12.00 horas á presentación dos actos e ao pregón. Xa ás 12.15 horas actuará o violinista Marcos Valcárcel e ás 12.30 horas será a bendición das uvas e dos campos e terá lugar a pisa oficial, que rematará co nomeamento de ‘Damas e cabaleiros da Orde de Mencía’. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, terá lugar o obradoiro de xogos e xoguetes tradicionais e a festa rematará da man da charanga Unión Phenosa, Milladoiro e Grupo América de Vigo.

0.17717313766479