O Saviñao acollerá o 27 d setembro unha xornada 360 sobre o sector da castaña

RibeiraSacraXa
A cita está organizada pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, en colaboración coa Área de Medio Rural da Deputación de Lugo e contará con relatorios de profesionais e expertos no sector
xornada-360-castañas-soutos
5 Sep 2025

A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, en colaboración coa Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, organiza unha xornada formativa 360 sobre o sector da castaña, que se celebrará o sábado 27 de setembro no Auditorio Municipal de Escairón, no concello de Saviñao.

A actividade comezará ás 9:15 horas e desenvolverase ao longo de toda a mañá e tarde, abordando diferentes aspectos do sector da castaña e contará con relatorios de profesionais e expertos do sector, como Miguel Ángel Vázquez de la Mata, de Viveros Castanea Sativa, desde O Bierzo, quen ofrecerá unha charla sobre a iniciación á castañicultura, achegando a súa experiencia na produción e cultivo do castiñeiro.

Pola súa banda, Antonio Rigueiro, presidente da Asociación Forestal de Galicia, abordará os valores dos soutos galegos, destacando a importancia ambiental, económica e cultural destes ecosistemas, mentres que Beatriz Míguez, investigadora do CIF de Lourizán, presentará os últimos avances en investigación sobre o castiño, incidindo en innovacións técnicas e melloras na produción.

O evento tamén incluirá unha proposta práctica e gastronómica con I Showcooking da castaña, a cargo do chef Domingo González Lorenzo, do Hotel Balneario Caldaria en Lobios – Xurés, Ourense, que permitirá aos asistentes degustar e descubrir novas formas de empregar a castaña na cociña.

Pola súa conta, Manuel López, secretario da IXP Castaña de Galicia, explicará a situación actual do sector na comunidade, facendo un balance do mercado e os retos que afronta a produción galega. Para pechar a xornada celebrarase unha mesa redonda sobre a problemática actual e as perspectivas de futuro do sector.

A inscrición para asistir á xornada está limitada a 50 persoas e ten un custo de 20 euros. Os interesados poden anotarse chamando aos teléfonos 661 952 289 ou 630 054 464 ata o 22 de setembro.

⚙ Configurar cookies
0.16538906097412