O Saviñao acolle este domingo a primeira cita do circuíto Anda Heroica na Ribeira Sacra

Escairón acollerá o vindeiro 29 de marzo a primeira cita do novo circuíto de andainas organizado por Anda Heroica na Ribeira Sacra. Baixo o nome de I Andaina Anda Heroica Escairón, a iniciativa marca o inicio dun calendario de rutas pensado para fomentar o contacto coa natureza e a actividade ao aire libre.
A proba consistirá nun percorrido de 12 quilómetros, deseñado para gozar da contorna camiñando e ofrecer unha experiencia accesible para as persoas participantes. A saída está prevista para as 10:00 horas.
Este evento será o primeiro dun programa máis amplo que se desenvolverá ata o mes de novembro. En total, están previstas 12 andainas que percorrerán distintos municipios da Ribeira Sacra, concretamente Chantada, Sober, Pantón e o Saviñao.
Con esta proposta, Anda Heroica busca promover hábitos saudables e poñer en valor o patrimonio natural da zona, ofrecendo espazos para compartir deporte e lecer nunha contorna única.