O sabor das rías galegas chega a Pantón grazas á iniciativa Galicia Sabe Amar
O vindeiro sábado 14 de outubro os veciños de Pantón teñen unha cita cos produtos do mar. Ata o Concello chega a iniciativa Galicia sabe Amar, unha campaña coa que se anima á cidadanía a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e o marisqueo.
Catro foodtrucks achegarán en horario de mañá, desde as 12.00 horas, e tamén pola tarde, a partir das 18.00 horas, o sabor das rías galegas á Praza do Concello. Os visitantes poderán gozar dalgún dos dez pinchos pensados para a campaña e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra.
Esta iniciativa, que chega a 250 municipios, forma parte da campaña da Consellería de Mar da Xunta de Galicia que dende este 2023 puxo en marcha varias foodtrucks por todo o territorio español, parando en lugares que tivesen algún tipo de vínculo co Camiño de Santiago.