O retablo lateral esquerdo da igrexa de Santa María Magdalena da Seara está sendo restaurado

RibeiraSacraXa
As obras de restauración desta igrexa de Quiroga, que comezaron o pasado luns, está previsto que rematen en menos de catro meses
Igrexa-Santa-María-de-Seara-Quiroga
26 Ago 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude comete a restauración do retablo lateral esquerdo da igrexa de Santa María Magdalena da Seara, en Quiroga cun presuposto de 12.039,50 euros.

A igrexa de Santa María Magdalena da Seara, apartada da aldea, domina desde a parte alta do leste a poboación, acentuando o seu aspecto de fortaleza. O edificio de raíces medievais presenta na actualidade amplos sectores do século XVI e reformas moito máis recentes como o morteiro de cal e area que o recubre.

O retablo da nave lateral esquerda obxecto da restauración é un pequeno altar barroco de madeira de castiñeiro, policromado e dourado. Consta de predela con portiña, corpo único, ático e tres rúas divididas por columnas salomónicas, e conserva a imaxe escultórica exenta da Virxe có Neno, que indica a súa advocación. Acomódase sobre un banco de mampostería revestida de morteiro e se apoia ao muro mediante ancoraxes de madeira e ferro.

No relativo ao seu estado de conservación, atópase moi estragado resultado de antigas afeccións directas de humidade e calor. Entre os desperfetos que presenta, destacan graves desequilibrios estruturais e de ancoraxe que se traducen en perdas volumétricas, colapsos, fendas, fisuras e enfermidades dos insectos xilófagos, que se alimentan de madeira.

Por outra banda, o debilitamento da capa de pintura é alarmante, así como a acumulación de po e restos orgánicos na superficie.

As obras de restauración que comezaron o pasado luns está previsto que rematen en menos de catro meses.

0.10800409317017