O quirogués Aarón Carballedo López logrou o título de Campión de Galicia de Trial Tr4 infantil

O quirogués Aarón Carballedo López proclamouse campión de Galicia no Campionato Galego de Trial TR4 Infantil 2024. Aarón Carballedo conseguiu un total de 120 puntos, tres máis que o subcampión, a pesar de non puntuar nunha das seis probas do campionato, que se celebran en distintas localidades de Galicia.
A entrega dos títulos realizouse o pasado sábado na Gala de Campións celebrada no Concello de Silleda, poñendo fin a un campionato que se desenvolveu ao longo de todo o ano pasado.
Este mozo quirogués de 15 anos leva catro anos competindo nestes campionatos, nos que xa acadara en categorías inferiores dous subcampionatos.