O Quiroga Trail Challenge supera os 1.000 participantes por quinto ano consecutivo

O Quiroga Trail Challenge volve a superar os 1.000 participantes anotados na súa edición de 2026, que se celebrará o vindeiro 28 de febreiro. Dende a organización destacan que son xa cinco anos consecutivos superando esta cifra, consolidándose como unha das probas de montaña máis destacadas do noroeste peninsular. O período de inscrición seguirá aberto ata o 15 de febreiro.
Tras os incendios forestais rexistrados este verán na comarca, a proba viuse obrigada a adaptar os seus trazados, e en 2026 a zona do Lor recuperará protagonismo, xa que foi unha das áreas menos afectadas.
A competición celebrarase ao longo de dúas xornadas e incluirá varias distancias adaptadas a diferentes niveis de experiencia, combinando técnica, beleza paisaxística e esixencia física. Os percorridos discorrerán polo Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, un escenario natural de gran valor ambiental e un dos espazos máis emblemáticos da provincia de Lugo.
Ademais do compoñente deportivo, o Quiroga Trail Challenge mantén o seu espírito familiar e o seu firme compromiso coa sustentabilidade e coa promoción do territorio como destino de natureza e aventura. A organización traballa un ano máis para ofrecer “unha experiencia segura, emocionante e respectuosa co entorno”.