O Quiroga Trail Challenge retrasa a apertura das inscricións polos lumes

A dirección do Quiroga Trail Challenge, que se celebrará a finais de febreiro de 2026, decidiu atrasar a apertura do prazo de inscrición da proba, que tiña previsto abrir o 1 de setembro, debido aos graves lumes que afectan ao concello de Quiroga e a parte do Xeoparque Montañas do Courel.
Xa catalogado como o maior e máis grave incendio ocorrido ata o momento en Galicia, desde a organización consideran “prudente” agardar ata poder valorar o alcance e a gravidade da catástrofe.
“Nestes momentos”, sinalan, “o primordial é garantir a seguridade das persoas e das poboacións”, comenta Blas Rodríguez, organizador da proba.
“Os lumes arrasaron parte do percorrido polo que discorren varias das carreiras do sábado. Para comezar coa apertura das inscricións é imprescindible coñecer con exactitude como se van a desenvolver esas distancias en quilómetros, percorridos, desnivel, tipo de terreo, etc.”, explica. “Non podemos ofrecer carreiras que agora mesmo non sabemos se se van poder realizar. A gran vantaxe é que sempre contamos coa alternativa de volver realizalas nas montañas do Lor que, por sorte, nesta ocasión non se viron afectadas; deste xeito, evitaríase as zonas queimadas.”
Iso si, desde a organización garantizan que o evento segue adiante e mantéñense as datas previstas para a proba, do 28 de febreiro ao 1 de marzo do próximo ano, “contando sempre co apoio do Concello de Quiroga como coorganizador e do resto de patrocinadores”.
A organización anunciará ao longo do mes de outubro a nova apertura de inscricións, así como os cambios oportunos e necesarios, “á espera e co desexo de que a situación mellore e de que, por fin, cesse este desastre medioambiental”.