O Quiroga Trail Challenge pechará este domingo as inscricións para a súa edición de 2026

RibeiraSacraXa
Por quinto ano consecutivo, o Quiroga Trail Challenge supera a barreira dos 1.000 participantes anotados
quiroga-trail-challenge-fot-miguel-rua
Quiroga Trail Challenge. Foto de Miguel Rúa.
12 Feb 2026

O Quiroga Trail Challenge pechará este domingo, 15 de febreiro, as inscricións para participar na súa edición de 2026, que terá lugar o vindeiro 28 de febreiro. A proba promete ser un gran éxito xa que, a principios deste ano e por quinto ano consecutivo, superaba xa os 1.000 participantes anotados, consolidándose como unha das probas de montaña máis destacadas do noroeste peninsular.

Tras os incendios forestais rexistrados este verán na comarca, a proba viuse obrigada a adaptar os seus trazados, e en 2026 a zona do Lor recuperará protagonismo, xa que foi unha das áreas menos afectadas.

A competición celebrarase ao longo de dúas xornadas e incluirá varias distancias adaptadas a diferentes niveis de experiencia, combinando técnica, beleza paisaxística e esixencia física. Os percorridos discorrerán polo Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, un escenario natural de gran valor ambiental e un dos espazos máis emblemáticos da provincia de Lugo.

Ademais do compoñente deportivo, o Quiroga Trail Challenge mantén o seu espírito familiar e o seu firme compromiso coa sustentabilidade e coa promoción do territorio como destino de natureza e aventura. A organización traballa un ano máis para ofrecer “unha experiencia segura, emocionante e respectuosa co entorno”.

⚙ Configurar cookies
0.078027963638306