O Quiroga Trail Challenge 2025 pecha as inscricións con 1.200 participantes

RibeiraSacraXa
A proba logrou esgotar todas as inscricións ofertadas para esta nova edición, que terá lugar os días 15 e 16 de febreiro
Quiroga Trail Challenge
Quiroga Trail Challenge
3 Feb 2025

O Quiroga Trail Challenge pechou esta fin de semana as inscricións colgando o cartel de “sold out” tras lograr acadar as 1.200 persoas anotadas para esta edición, que se celebrará entre os días 15 e 16 de febreiro.

Máis dun milleiro de amantes deste deporte volverán gozar da incrible contorna natural que ofrece o Xeoparque Montañas do Courel en todo o seu esplendor.

Con representación de 16 comunidades autónomas, 32 provincias e mesmo participantes de Portugal, o evento, sinalan desde a súa organización, “expande fronteiras sen parar”. A cita rexistra tamén un gran número de corredores corredores nas probas de longa distancia: 150 nas ultras e 140 na maratón, cantidades moi pouco habituais nestas modalidades en Galicia, segundo explican os organizadores.

Dende hai varios meses, a ocupación hostaleira toda a comarca de Quiroga e a súa contorna, atópase ao máximo de ocupación. O sábado, 15 de febreiro, correrán uns 900 deportistas, mentres que o domingo 16 serán preto de 400 corredores, repartidos entre todas as modalidades que ofrece o evento a fin de semana. A estas cifras engádense os preto de 200 voluntarios que garanten o éxito de cada carreira.

Os organizadores do Quiroga Trail Challenge, Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, destacan a importancia que ten este éxito nas inscricións, tanto de corredores como de voluntarios. “Superar os 1.000 participantes e os 200 voluntarios outra vez énchenos de orgullo e satisfacción. Para nós é a mellor recompensa”.

Aseguran que “tendo en conta o crecente número de probas que hai actualmente non podemos máis que agradecer a fidelidade dos que sempre repiten e, especialmente, de todo o voluntariado que nos apoia, así como dos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e dos numerosos colaboradores e patrocinadores porque sen eles non sería posible”, transmítennos emocionados Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores do evento.

Igualmente, informan de que xa están todos os percorridos rozados e preparados para adestrar. Co peche de inscricións o día 2 de febreiro, comeza a conta atrás para unha nova edición desta importante proba.

0.17159295082092