O Quiroga Trail Challenge 2026 acada os 300 inscritos en só cinco días

O interese polo Quiroga Trail Challenge non deixa de medrar. Dende que o pasado 13 de outubro se abriron as inscricións para a edición de 2026, a resposta dos corredores foi inmediata: 300 persoas anotadas en apenas cinco días, cunha destacada presenza feminina (un 26% do total) e unha cuarta parte de participantes chegados de fóra de Galicia. Estes datos consolidan a cita como unha das probas de montaña máis destacadas do noroeste peninsular.
A competición celebrarase ao longo de dúas xornadas e incluirá varias distancias adaptadas a diferentes niveis de experiencia, combinando técnica, beleza paisaxística e esixencia física. Os percorridos discorrerán polo Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, un escenario natural de gran valor ambiental e un dos espazos máis emblemáticos da provincia de Lugo.
Ademais do compoñente deportivo, o Quiroga Trail Challenge mantén o seu espírito familiar e o seu firme compromiso coa sustentabilidade e coa promoción do territorio como destino de natureza e aventura. A organización traballa para ofrecer “unha experiencia segura, emocionante e respectuosa co entorno”.
Tras os incendios forestais rexistrados recentemente na comarca, a proba adaptou os seus trazados, aínda que se agarda que en 2026 a zona do Lor recupere protagonismo, xa que foi unha das áreas menos afectadas.