O Quiroga Trail Challenge 2025 consolídase a nivel nacional

RibeiraSacraXa
Desde a organización destacan que este ano a proba conta con participantes de practicamente todas as comunidades autónomas
Quiroga-Trail-Challenge-imaxe-de-Miguel-Rúa
Quiroga Trail Challenge, imaxe de Miguel Rúa
6 Feb 2025

En menos de dúas semanas, Quiroga volverá converterse no epicentro do trail running coa celebración da undécima edición do Quiroga Trail Challenge (QTC). O evento, que terá lugar a fin de semana do 15 e 16 de febreiro, contará coa participación de 1.050 deportistas nas seis modalidades de carreira e nas dúas andainas do Trail do Castelo. Ao día seguinte, 450 corredores enfrontaranse ao esixente territorio dor, con dúas distancias de trail e unha andaina.

Desde a organización do evento transmiten o seu entusiasmo ante a alta demanda de inscricións. “Pechamos as inscricións en data e límite de prazas para garantir un óptimo desenvolvemento das probas e unha atención de calidade. Levamos varios anos mantendo un nivel de participación moi elevado que nos recompensa enormemente e obríganos a seguir mellorando”, explican Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores do evento.

O esforzo do equipo organizador foi recentemente recoñecido a nivel nacional. No programa Ingrávidos de Radio Marca, especializado en trail running e deportes de aventura, o QTC foi votado como unha das probas con máis encanto de España, xunto coas carreiras de Bandoleiros e Valle del Genal. “Sábemos a gloria e énchenos de orgullo, tendo en conta a proliferación de probas que existen na actualidade”, expresou Blas Rodríguez no programa.

Para a edición de 2025, o QTC segue apostando pola innovación e a mellora continua. Unha das grandes novidades é a crecente acollida das distancias ultra, con 175 corredores inscritos, superando o récord da pasada edición. Tamén aumentou a participación nos circuítos e entre os corredores máis noveis, especialmente na nova modalidade de carreiriñas, creada para fomentar a participación dos máis novos e daqueles que se inician no mundo do trail.

O evento terá unha gran proxección nacional e internacional, con participantes procedentes de practicamente todas as comunidades autónomas e do país veciño, Portugal. En total, un 24% dos corredores son de fóra de Galicia, e un 25% do total son mulleres, un dato que reforza a crecente presenza feminina neste deporte.

Máis aló da competición, a organización do QTC busca poñer en valor a contorna natural do Xeoparque Montañas do Courel. “Son cifras moi significativas debido a que queremos dar a coñecer as marabillas que encerra o Xeoparque Montañas do Courel. Deseñamos os percorridos para pasar por todos os seus pobos e amosar as súas antigas ferrerías e as súas espléndidas fervenzas. Para iso recuperamos camiños primitivos, xa esquecidos, que unían as aldeas da serra”, explican os directores.

0.17581796646118