O Qui-medo celebrarase, un ano máis, en Quiroga o vindeiro 26 de outubro

RibeiraSacraXa
O V Qui-Medo promete ser máis terrorífico, máis divertido e máis festeiro que nunca, e seguirá sendo unha das grandes festas do Samaín en Galicia
Quimedo-Quiroga-2023-2
18 Out 2024

Quiroga celebra, un ano máis, o evento de terror Qui-Medo, que mantén aberto o prazo de inscricións ata o 24 de outubro, e ao que xa hai apuntadas 1000 persoas.

A nova edición desta ruta - festa do terror, que se celebrará o 26 de outubro, promete un ano máis medo, terror e diversión, pero sobre todo un evento único, algo que xa comezou a vivirse nas pasadas edicións cando se sobrepasou o milleiro de participantes.

O V Qui-Medo promete ser máis terrorífico, máis divertido e máis festeiro que nunca, e seguirá sendo unha das grandes festas do Samaín en Galicia, xa que ata esta festa achéganse participantes de toda a autonomía e tamén de moitos lugares de España.

Todos os valentes participarán nunha ruta que os levará por nove terroríficas casas dentro do casco urbano de Quiroga, unha máis que na pasada edición. Dentro destas casas, moitos voluntarios caracterizados daranlle medo a todos os que se atrevan a entrar.

Os organizadores xa comezaron a anunciar o nome das casas para irse facendo unha idea do que se pode atopar dentro. A primeira das casas será A Pirámide. Despois da Casa da Momia no Quimedo 4, agora chega esta nova casa na que se entrará na cámara funeraria da gran pirámide para descubrir se o faraón segue vivo.

A segunda das casas dada a coñecer terá unha localización inédita. Na Xungla, os animais rebélanse ante a deforestación que está a sufrir o seu hábitat por culpa dos humanos.

A terceira das casas leva por nome O barco pirata. Hai moitos séculos uns piratas pagaron coa súa vida o atopar un tesouro, dende entón custodian o seu barco e o seu tesouro sen deixar que ninguén se achegue.

A cuarta casa, última das dadas a coñecer ata o momento, tamén cunha localización inédita, é a Apocalipse zombi, onde a policía tenta deter a rebelión dos presos zombis.

0.19031596183777