O PSOE puxo en valor en Chantada a suba das pensións para os maiores por parte do Goberno central
Os candidatos do PSdeG ás eleccións autonómicas pola provincia, Miguel Tomé e Jaime Losada; a secretaria de Organización provincial e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto; e o voceiro municipal do PSdeG en Chantada, Mariano López Nieves, mantiveron un encontro coa Asociación de Xubilados e Pensionistas da vila chantadina.
Alí, subliñaron que, grazas ás subas aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez nos dous últimos anos, os 8.500 pensionistas das comarcas de Chantada e da Ulloa cobran agora de media 2.100 euros máis ao ano.
Neste sentido, os socialistas recalcaron que, “fronte ao ridículo 0,25 % anual da época do PP, os socialistas subimos máis dun 12 % as pensións en só dous anos; un 8,5 % no 2023 e un 3,8 % neste 2024, o que para Chantada e A Ulloa supón unha inxección económica de case 18 millóns de euros máis ao ano ca no 2022, co efecto dinamizador que iso ten no consumo”.
Así, sostiveron que “revalorizar as pensións conforme ao custo da vida non é só de xustiza social para favorecer o benestar da xente, senón que tamén supón un incentivo máis para a economía local, sobre todo no noso rural, porque o consumo xerado polos pensionistas coas prestacións que perciben é fundamental en sectores como a alimentación ou a hostalería, tamén en moitos produtos asociados coa terceira idade, e en moitos casos axudan aos fillos na crianza dos netos”.
Polo tanto, “subir as pensións nunha provincia eminentemente rural como a nosa é tamén unha medida necesaria para fixar poboación e a revalorización das pensións só se garante con gobernos progresistas, porque o PP, non o fai cando goberna, e vota en contra cando está na oposición”. “Teñen que explicar que lle fixeron os pensionistas para votar en contra deles e negarse sempre a que lles suban as pensións”, recalcaron os socialistas.
No caso concreto de Chantada, a pensión media medrou en 172 euros ao mes con respecto ao 2022. Ese ano, o montante medio da prestación era de 731 euros e hoxe é de 903 euros mensuais, explicaron, engadindo que subas semellantes déronse tamén nos concellos de Taboada, Carballedo, Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso, cunha suba media de 157 eruos máis ao mes na pensión dende o ano 2022 grazas ás medidas impulsadas polos socialistas e rexeitadas polo Partido Popular.