O PSOE provincial consegue aprobar unha liña de axudas específica para os produtores de viticultura heroica

RibeiraSacraXa
Pola súa parte, o PP critica que os socialistas non apoien a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
pleno-Deputación-de-Lugo
29 May 2024

O pleno da Deputación de Lugo que se celebrou no día de onte, 28 de maio, saíu adiante unha moción do PSdeG, cos votos a favor de socialistas e nacionalistas e a abstención dos populares, na que se lle reclama á Xunta de Galicia unha liña de axudas específica para os produtores de viticultura heroica que teña en conta as dificultades ás que se enfrontan.

En concreto, pídese unhas axudas cun mínimo de 5.000 euros por hectárea para incentivar aos produtores da Ribeira Sacra que cultiven en parcelas de máis do 35 % de pendente media, que cultiven viñedo en socalcos de muros de pedra, así como a imposibilidade de mecanizar o traballo, entre outros riscos que teñen que asumir a diario.

Ademais, a iniciativa recolle que as axudas sexan compatibles e se deseñen de xeito coordinado coas actuacións e medidas postas en marcha para promover a Ribeira Sacra e acadar o recoñecemento deste territorio como Patrimonio da Humanidade.

A voceira socialista do Goberno, e deputada de Réxime Interior, Turismo e Promoción do Territorio, Pilar García Porto, sostivo que a actividade vinícola da Ribeira Sacra, "unha das denominacións de orixe con maior potencial da nosa comunidade, non obtén da Xunta a atención que as súas peculiaridades merecen”, afirmou, ao tempo que apuntou ao dato de que a maior parte das hectáreas traballadas se atopa a máis de 500 metros de altitude. “Estas condicións do terreo, a insolación, a situación á beira do río e calidade dos solos danlle aos caldos da Ribeira Sacra a súa personalidade distintiva, pero gravan dun xeito importante a actividade das persoas que os traballan”, indicou.

Por outra banda, a socialista reprochou aos populares que a Xunta anuncie medidas como o Plan Ribeira Sacra, “que se quedou nun título porque non existía, nunca chegamos a ver financiamento con respecto a iso. Nos orzamentos territorializados non hai axudas específicas para os produtores, a Xunta debería estar para dar solucións, pero non está no territorio cos sectores produtivos”.

Críticas do PP ao Goberno provincial

Os deputados do Grupo Provincial popular pediron á Deputación de Lugo que liderase un Plan de Impulso para a Ribeira Sacra “conscientes do potencial e das posibilidades desta zona da provincia” e que “precisan do impulso que lle teñen que dar as diferentes administracións con actuacións coordinadas”, pero o PSOE votou en contra desta iniciativa e de apoiar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Para os populares, dende a Deputación hai que facer valer ese papel de líder da provincia para afrontar estes retos, apoiando aos municipios da Ribeira Sacra, escoitando e dando solucións aos produtores e buscando apoios de todas as administracións afectadas como a Xunta de Galicia ou o Goberno Central.

“A Deputación non pode quedar atrás de novo sendo a única administración que non fai nada ao respecto dun proxecto vital como este para a provincia”, sinalaron.

Ademais, os deputados populares criticaron que José Tomé "siga dando as costas aos acordos e convenios de colaboración asinados con diferentes concellos da provincia para poñer en marcha residencias e centros de atención a maiores como é, neste caso, o centro comprometido en Folgoso do Courel".

Antonio Ameijide sinala que se pedía ao goberno provincial que impulsase os trámites necesarios para iniciar de forma inmediata a construción do centro de atención a maiores neste municipio, comprometido en 2015 polo goberno do Partido Popular, pero que, 9 anos despois, está paralizado; a pesar de que o Concello de Folgoso do Courel cumpriu coas obrigas adquiridas no convenio asinado coa Deputación de Lugo en agosto do 2018.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20881104469299