O PSOE propón un observatorio sobre a educación no rural

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O portavoz de Educación do Grupo Socialista pediulle á Xunta que constitúa o Observatorio da Escola e Educación Rural de Galicia.
libros escolares colegio
23 Sep 2021

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, presentou na Comisión de Educación unha pregunta oral para pedirlle á Xunta que constitúa o Observatorio da Escola e Educación Rural de Galicia. Álvarez chamou a seguir o camiño marcado polos gobernos de Asturias ou de Aragón na creación deste instrumento dirixido a desenvolver un modelo educativo propio da escola rural galega.

O responsable socialista propuxo a constitución deste órgano “colexiado de carácter consultivo, de asesoramento e con carácter participativo das diferentes entidades e administracións implicadas no desenvolvemento do medio rural e no sistema educativo de Galicia”. Este organismo permitiría “responder da problemática e da situación específica do medio educativo do rural desta Comunidade Autónoma”.

Sinalou que este órgano sería posible sen provocar cambios normativos, senón sobre a organización territorial, e permitiría paliar a falla de igualdade de oportunidades nos centros máis pequenos do rural. Apunta que permitiría acadar un “horizonte de mellora substancial na escola rural de Galicia”.

Este organismo permitiría mellorar a xestión da educación no rural por parte da Xunta, que na última década ten “negado toda posibilidade de facer unha planificación seria, obxectiva, que conte co necesario consenso, que forneza a oferta pública, sinaladamente no mundo rural, que dote de estabilidade ao sistema educativo e que se faga con perspectiva de país”.

Lembrou que a propia Lei orgánica de educación do ano 2006 obriga a ter en conta as necesidades específicas do medio rural, e chama a artellar un “axuste razoable dos criterios para a organización optatividade do alumnado de Secundaria onde sexa necesario”. A norma, dixo, obriga a dotar á educación do rural de recursos humanos, con formación específica do profesorado e dotando de materiais de aprendizaxe e recursos educativos a través da internet.

PERDA DE ALUMNOS

Advertiu de que a perda de alumnos e a conseguinte redución de unidades nos centros e o peche de centros como consecuencia da crise demográfica “da lugar a situacións grave que deberan ser corrixidas á maior brevidade”. Sinalou que a redución de oferta educativa afonda o desmantelamento de servizos públicos no rural, e a aplicación dos mesmos criterios de oferta en centros con diferente número de unidades prexudica aos de menor tamaño.

Urxe así a adaptar a oferta de formación profesional ao contexto dos centros, superando a oferta actual, herdanza das ensinanzas da FP de primeiro e segundo grao establecidas na Lei Xeral de Educación de 1970.

Sinala ademais a necesidade de muda as políticas relativas aos servizos complementarios, na ampliación da cobertura dos comedores escolares, que permitan avanzar na educación alimentaria ao tempo que axudan á conciliación da vida familiar e laboral. Finalmente, sinala a dificultade de escolarizar ao alumnado en localidades diferentes á propia ao remate das etapas obrigatorias, provocando dificultades de horarios e custe económico.

0.18141984939575