O PSOE pídelle á Xunta que impulse o Plan de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, lamentou o voto en contra do PP á proposta
paisaxe-rio-mino-ribeira-sacra
14 Xuño 2024

A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, lamentou o voto en contra do PP á proposta que defendeu en Comisión no Parlamento para pedirlle á Xunta que impulsara o Plan de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra.

A responsable socialista acusou ao PP de rexeitar a “man tendida” dos socialistas galegos para impulsar o territorio no interese común de sexa declarado Patrimonio da Humanidade.

Méndez lamentou que o PP se descolgara do consenso para aprobar esta iniciativa que lle pedía á Xunta que financiara a electrificación das embarcacións que navegan polo Sil e o Miño, e que suporía un impulso para “contribuír ao gran obxectivo” de acadar o recoñecemento pola Unesco.

Ademais, este Plan céntrase en estruturar accións relacionadas coa mobilidade sostible e o embelecemento de áreas históricas ou a implantación de novas tecnoloxías.

O Plan de Sustentabilidade foi acordado conxuntamente por Ministerio, Xunta e o Consorcio de turismo da Ribeira Sacra, que permitiron que fora publicado no DOG o 11 de decembro de 2020, e entrara en vigor en 2021 cun investimento previsto de 2 millóns de euros ata 2023.

Apuntou que o Plan “non é unha finalidade en si mesma, senón un instrumento que permita transformar e modernizar o territorio a través da sustentabilidade”.

Méndez reclamoulle á Xunta que aproveite as sinerxias e aúne esforzos “para conseguir os grandes obxectivos que temos por diante”, e afeoulle que utilice ás administracións “como paganini” ao reclamarlle á Deputación de Lugo que “saquen a chequeira e paguen as decisións que toman outros” sen lles ter consultado. O mesmo sucede cos concellos do Consorcio, que “non se tiveron en conta” pola Xunta, ao igual que a Confederación Hidrográfica.

0.1415650844574