O PSOE levará ao Parlamento "os reiterados incumprimentos" co porto seco de Monforte
O PSOE reclamará no Parlamento galego que a Xunta "cumpra os seus compromisos" en relación ao porto seco de Monforte. Así se confirmou trala reunión que este sábado mantiveron na localidade o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, e o alcalde monfortino, José Tomé.
O rexedor explicou que a reunión lle serviu para pedir ao secretario xeral do seu partido que leve ao Parlamento galego "todos os incumprimentos que ten a Xunta con Monforte. Que son moitos", dixo. Como exemplo, referiuse ao proxecto do porto seco, no que "non se move nin un grao de terra" a pesares de que "durante reiterados anos" o Goberno autonómico "pon unha pequena partida de 300.000 euros, que sempre é a mesma".
Gonzalo Caballero recolleu esas demandas e confirmou que o Grupo Socialista as levará á Cámara autonómica, onde denunciarán que a Xunta "está incumprindo" os seus compromisos con Monforte.
O porto seco de Monforte cumprirá, a finais deste mes de febreiro, sete anos dende a súa inauguración. Era o punto de arranque dun proxecto que se pretendía converter no centro loxístico intermodal máis importante de Galicia. Pero esa meta augúrase lonxana. A día de hoxe non se instalou nel empresa algunha, e segue tamén sen executar a súa conexión coa N-120, un enlace que resultaría imprescindible para un parque empresarial como o previsto. Esta actuación figura dende fai catro anos nos orzamentos da Xunta sen que se chegase a realizar.
PANDEMIA
Na súa visita a Monforte, o secretario xeral do PSdeG aproveitou para eloxiar ao alcalde, de quen dixo "é un exemplo para todos os alcaldes de Galicia", destacando que está "plenamente involucrado, dende o primeiro momento" na pandemia da covid-19.
Estes eloxios tiveron rápida resposta por parte do PP de Monforte, que calificou de "lamentable" que tanto Tomé como Caballero "intenten dar leccións a Feijóo e ao Goberno galego sobre a xestión da pandemia" tendo en conta, engadiron, "a despreocupación absoluta do goberno socialista de Monforte que preside o propio Tomé en relación coas consecuencias económicas para os nosos veciños derivada da actual situación sanitaria".
A voceira popular en Monforte, Katy Varela, denunciou que o goberno municipal "aínda non foi capaz de sacar axudas este ano en apoio aos sectores afectados” pola pandemia. Pola contra, engadiu, "en lugar de axudar aos monfortinos a saír desta crise, Tomé segue pensando en facer unha obra faraónica de case 2 millóns de euros e totalmente innecesaria: a ponte no Malecón”. A voceira popular considera que “tendo remanente suficiente nas arcas municipais, eses cartos deberían dirixirse a axudar aos nosos veciños ante esta situación excepcional”.
O Grupo Municipal Popular vén de rexistrar unha moción para esixir ao equipo de goberno que estableza "un plan de axudas directas e outras medidas fiscais para contribuír a paliar os efectos sobre a economía local das medidas para conter a pandemia da covid-19”.