O PSOE lamenta o voto en contra do PP para finalizar o polígono de Taboada

RibeiraSacraXa
Patricia Otero lembra a fuga de proxectos, cansados de agardar polo Polígono, e reclámalle á Xunta que dialogue co empresariado local.
taboada
6 Xuño 2021

A parlamentaria socialista Patricia Otero lamentou o voto do PP en contra da proposición non de Lei que pedía rematar co Polígono de Taboada e sacar a concurso “na maior brevidade posible” todas as parcelas que poidan e que teñan en conta ás empresas interesadas en asentarse na infraestrutura. A iniciativa foi presentada na Comisión de Obras Públicas que se celebrou no Parlamento de Galicia.

A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que “pasen dos esloganes aos feitos”, logo do novo anuncio do portavoz do PP diante dunha suposta saída a concurso inminente das parcelas que, dixo Otero, “creremos cando estea publicada no DOG”. A parlamentaria socialista lembrou que este proxecto leva anos paralizado, o que fixo que xa en 2010 moitas das empresas que xa tiñan a parcela comprometida optaran por buscar ubicacións alternativas.

A infraestrutura está actualmente en mans do IGVS, que, ao igual que fixo o PP, anunciou a saída á venta das parcelas o pasado 28 de xaneiro e de novo o 27 de abril, pero as empresas continúan a agardar, co “serio risco de que se cansen de novo da espera e dos continuos retrasos” mentres o alcalde demostra que “non fai absolutamente nada” a favor das novas instalacións. 

Patricia Otero presentou no Parlamento “a voz dos veciños e veciñas e dos empresarios e empresarias de Taboada, que queren instalar ás súas empresas no Polígono industrial”, polo que lle esixiu ao goberno galego que escoite aos empresarios locais, e sinaladamente ás 75 empresas aglutinadas en torno á Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada –Acimta-.

Eles serán, puntualizou, os que mellor lle poden plantexar as necesidades actuais do proxecto “se o que queremos é que funcione como unha ferramenta útil para xerar emprego” e conseguir crear un tecido empresarial que permita parar a sangría que supón a perda de poboación do interior de Lugo.

0.15621995925903