O PSOE e o BNG de Taboada firmaron o acordo de goberno co que dirixirán o municipio os vindeiros catro anos

RibeiraSacraXa
O PSOE e o BNG de Taboada firmaron o acordo de goberno co que dirixirán o municipio os vindeiros catro anos
Goberno BNG e PSOE Taboada
24 Xuño 2023

O PSOE de Taboada, encabezado por Roi Rigueira, e o BNG de Taboada, encabezado por José Portela, firmaron un acordo de goberno como garantía do apoio dos nacionalistas ao xa alcalde socialista.

No Acordo, ambas forzas afirmaron a importancia do entendemento e do diálogo, un goberno de coalición que poderá desenvolver un programa de goberno "coas medidas inmediatas e estratéxicas que o noso municipio necesita", explican os nacionalistas.

Así, o BNG de Taboada afirma o seu compromiso por traballar, desde a autonomía de cada grupo político, como un único equipo de goberno: unido, coordinado e leal.

Responsabilidades compartidas

O BNG ostentará, a través de José Portela Gómez-Macías a tenencia de Alcaldía, e farase cargo das áreas de Urbanismo, Vivenda e Solo e Educación. Mentres, o concelleiro Manuel Diéguez levará Cultura, deporte e medio rural. E, pola súa parte, concelleira Patricia Conde encargarase de Igualdade, benestar e sanidade.

Con este Acordo, "o BNG disponse a traballar no Concello de Taboada xunto ao PSdeG- PSOE con realismo, transparencia e compromiso que lle dean un novo empuxe á política  municipal, sempre ao servizo da veciñanza", defenderon.

0.21999001502991