O PSOE do Saviñao denuncia a perda dunha subvención para o concello
Os socialistas do Saviñao denuncian que o Concello "perdeu unha subvención de máis de 54.000 euros por non achegar a documentación necesaria en tempo en forma". Explican que "tal e como consta nas bases do Plan Único da Deputación da anualidade 2018, aprobadas no mes de febreiro dese mesmo ano, ao Concello do Saviñao correspóndenlle, segundo os criterios obxectivos da institución provincial, un investimento total de 245.201,01 euros, dos cales 54.300 están adicados a melloras nas infraestruturas municipais".
"Tal e como consta na Xunta de Goberno celebrada o 10 de maio de 2019, adxudicouse ao Concello Saviñao un investimento de 54.300,15 euros destinado a obras, unha partida incluída neste Plan Único. Este investimento, tal e como consta na memoria presentada, ía adicada ao subministro de formigón para a execución das obras necesarias para as melloras dos camiños municipais en A Broza, Chave, Diomondi, Louredo, Ousende, Rebordaos, Reiriz, Sobreda e San Vitorio. Na súa adxudicación informábase que a data límite para achegar a documentación da execución destas obras por parte do Concello era o 15 de outubro de 2019" defenderon dende o PSOE. Así mesmo, engadiron “pero tal e como puidemos constatar, tras estudar este expediente, o Concello do Saviñao non presentou esa documentación nos 5 meses dende a aprobación ata o vencemento do prazo”.
Unha solución
Dende a institución provincial "tratouse de dar unha solución a este incumprimento". Por iso, según o PSOE, "notificóuselle ao Concello no mes de agosto de 2020 un requirimento para presentar a documentación e poder recibir o importe polo arranxo destas estradas municipais. E tal e como marca a normativa déronse 10 días hábiles para presentalo novamente, pero advertindo unha vez máis de que de non enviar a documentación, tal como estipula o procedemento, o dereito ao trámite perderíase. Ou o que é o mesmo, a financiación para as obras de adecuación do pavimento destes camiños en 9 lugares do Saviñao, perderíase, como finalmente aconteceu”, denuncian.
“Finalmente e unha vez máis pasou o prazo sen que o goberno que preside o PP de Juan Carlos González Armesto fixera a única tarefa que lle corresponde como máximo responsable municipal, como é a de enviar a documentación en tempo e forma para xustificar esta subvención, tal e como marca calquera administración pública”, replicou o Voceiro Socialista, Celestino Rodríguez.
"Espectáculo do PP do Saviñao"
“Dende o PSdeG-PSOE do Saviñao queremos denunciar o pasotismo do Alcalde e de todo o seu Goberno, xa que é o primeiro responsable de que as veciñas e veciños teñan que pagar do seu peto os arranxos das estradas pola deixadez de Armesto. Cónstanos que tiveron moitas facilidades para presentar a documentación e percibir os máis de 50.000 euros, pero unha vez máis o PP elixe a vía máis cómoda, a de non presentar a documentación. Iso demostra o que lle importa a veciñanza deste concello, e agora xa pagamos todos e todas as súas neglixencias”, resumiu Rodríguez.