O PSOE do Folgoso do Courel critica o voto en contra do PP á iniciativa para arranxar a LU-651

RibeiraSacraXa
O PSOE do Folgoso do Courel critica o voto en contra do PP á iniciativa para arranxar a LU-651, unha estrada en mal estado
PSOE Folgoso do Courel
2 Mar 2023

O Grupo Socialista de Folgoso do Courel lamentou a falta de implicación e de apoio que mostrou a alcaldesa do municipio no Pleno da Deputación con respecto á situación das estradas da Xunta no Concello.

A voceira Socialista, Carmen Álvarez, explicou que no Pleno de onte da Deputación de Lugo "a alcaldesa, que tamén exerce como Deputada Provincial, alzou a man para rexeitar unha iniciativa coa que se reclamaba ao Goberno galego arranxar a estrada autonómica LU-651, a principal estrada do concello, no tramo de Folgoso a Quiroga afundida hai case un ano, para mellorar o seu trazado e dotala dos muros de contención e elementos de sinalización e seguridade".

Desde o PSOE do Courel piden que se lles escoite e que atendan ás necesidades "máis importantes que temos no noso concello, como son as nosas infraestruturas viarias, trátase dunha débeda histórica do PP cos caurelanos acondicionar a LU-651".

Porén, din "con este voto en contra, estalle dado as costas á toda veciñanza do Courel", advertiu Carmen Álvarez, quen tamén denunciou as "mentiras e atrasos do PP" nas estradas da Xunta no concello de Folgoso do Courel.

Outros requerimentos na proposta do PSOE

Nesta mesma proposta, o Partido Socialista tamén demandou á Xunta "o acondicionamento e ampliación da estrada entre Seoane e Folgoso do Courel, que leva pendente, bloqueada e sen executar dende fai mais dunha década, para mellorar as conexións e a cohesión territorial da provincia de Lugo", argumentaron.

A voceira Socialista lembrou que a estrada LU-651 sufriu un afundimento de 200 metros de firme en marzo do ano pasado, o que ocasionou un corte que se prolongou catro meses, e os efectos dos temporais dos meses de decembro e xaneiro coñecidos este mes están a precisar novas obras de reparación, "que obrigan aos vehículos pesados a facer un trazado alternativo cun rodeo de 30 quilómetros, coas molestias e o incremento de custe que supón", explicou.

Por outra parte, denunciaron que "o abandono da LU-651 reflicte a pésima xestión viaria da Xunta na Montaña lucense e amosa a súa dobre vara de medir con respecto ás infraestruturas da provincia".

Contestación do PP

Pola súa parte, a alcaldesa do Courel e deputada provincial acusa á Deputación de facer na LU-P 1301 "unha reparación que é unha verdadeira chapuza, en realidade non foi máis que un tinguido da calzada, que xa se está a borrar; nada fixo para ampliar o ancho desta estrada, na que dous vehículos grandes ou non se poden cruzar ou crúzanse con moitas dificultades".

Así, dixo que "as estradas provinciais no Courel están feitas un desastre e iso é responsabilidade do presidente da Deputación", argumentou.

Por outra parte, denuncia e lamenta que o Goberno provincial incorrese no debate en falta de respecto" cara a ela.

0.19110584259033