O PSOE do Courel presenta a Carmen Álvarez como a candidata á Alcaldía do Concello
Carmen Álvarez será novamente a candidata socialista á Alcaldía do municipio do Courel nas vindeiras eleccións do 28 de maio.
Álvarez agradeceu o apoio de todos os seus compañeiros e tamén da veciñanza do Courel, "xa que me animou a seguir loitando e traballando pola miña comarca”.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, puxo en valor “o compromiso que demostra Carmen Álvarez co seu concello e a loita constante por mellorar as condicións de vida dos seus veciños e veciñas, por manter os servizos públicos e por favorecer iniciativas que freen o despoboamento no Courel”.
Un concello, subliñou, “que precisa un cambio radical ante o abandono evidente que está sufrindo por parte do PP, como quedou demostrado nos incendios forestais do pasado verán, e coa desidia e os atrasos da Xunta no arranxo do tramo derrubado e na mellora da principal estrada do Courel”. A candidata á Alcaldía asegurou que os sucesivos gobernos do PP no Courel “están deixando un panorama desolador na comarca”.
“Primeiro chegaron os incendios, non se fixo nada en prevención, pistas sen rozar e sen asfaltar. Despois chegaron os recortes nas rutas do autobús escolar e que, tras a presión popular, tiveron que ser paralizadas, e agora van saíndo á luz as carencias e o abandono das nosas estradas. Vivimos illados, o PP só se lembra da montaña nas eleccións", explicou Álvarez.
Álvarez lembrou tamén que estes días comprobou en que estado de conservación e mantemento se atopan as vías de comunicación da montaña polo Goberno do PP.
Como por exemplo, puxo a LU-651, “unha estrada que leva pendente, bloqueada e sen executar dende fai máis dunha década. Un día anuncian un desvío que non atravesa nin un carro de vacas e ao seguinte anuncian que desvían a ruta do transporte escolar porque ten que dar moita volta. Así estamos, vivimos no experimento constante e na deixadez máis absoluta”, incide.