O PSOE denuncia que o PP rexeite axudas para os viticultores de Chantada
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou ao PP e a Xunta de rexeitar axudas directas para os viticultores de Chantada logo da tormenta de pedrazo da semana pasada. O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamou estas axudas -idénticas ás concedidas en 2016 para os viticultores de Sober-, a través dunha emenda que o PP se negou a incorporar a unha iniciativa parlamentaria debatida na Comisión de Agricultura de onte.
Seco reclamáralle á Xunta que habilitara unha liña de axudas directas e un plan de recuperación dos viñedos de Chantada afectados pola tormenta de pedrazo, pero o PP “non aceptou que se lles pidan axudas directas para os viticultores”.
Sinala que “dende a semana pasada non vimos ningún tipo de compromiso do goberno galego aparte de acudir á zona cos técnicos”. Reivindica deste xeito unhas axudas na mesma liña das que a Xunta aprobou en 2016 para unha tormenta de pedrazo, daquela en Sober, cando dispuxeran dunha partida de 500.000 euros para distribuír entre os afectados a razón de 7.000 euros por hectárea.
Chamou á implicación do goberno galego para apoiar aos afectados, e puntualizou que “parécenos ben se queren avaliar e pedir a declaración de zona catastrófica para esta zona, pero o realmente importante é que actúen con rapidez para garantir a actividade nos próximos anos.
Sinala que “no ano 2016 a Xunta non tiña problema en axudar e daquela non procedía pedirlle a declaración de zona catastrófica ao goberno de Rajoy”, pero agora “a Xunta non vai axudar e volcará contra Madrid as reivindicacións que non tiña en 2016”. Lamenta que o único esforzo da Xunta e do alcalde de Chantada, senador do PP, sexa “poñer o foco no goberno central e na posible declaración de zona catastrófica” eximindo ao goberno galego.
Compre actuar con rapidez para avaliar os danos e “unha vez se analicen as viñas afectadas realizar os tratamentos fitosanitarios correspondentes, xa que non só se trata das perdas directas polas desfeitas do granizo, senón tamén é importante controlar os efectos secundarios”. Alerta de que de non tratar estes danos “convértense en fonte de entrada de pragas de fungos”, para o que “as primeiras horas son cruciais para determinar danos e avaliar accións”.