O PSOE denuncia o ataque ao futuro centro de menores de Monforte e chama a frear “o discurso do odio”

RibeiraSacraXa
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, condena o ataque que cualifica de “consecuencia clara” dunhas mensaxes e dunha ideoloxía ultra
Besteiro
20 Sep 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este sábado o ataque sufrido no futuro centro de menores migrantes de Monforte, que foi obxecto dun incendio provocado con cócteles molotov durante a madrugada. O dirixente socialista asegurou que este tipo de actos son “consecuencia clara” dunhas mensaxes e dunha ideoloxía ultra “que entre todos e todas temos que parar”.

“Non podemos consentir que se sigan producindo”, advertiu Besteiro, quen apelou á “responsabilidade” da sociedade no seu conxunto, incluídos os responsables políticos. Engadiu que “esas actitudes merecen o noso desprezo e a nosa condena clara” e mostrou confianza en que a investigación policial permita identificar axiña ás persoas responsables.

Besteiro referiuse igualmente ao conflito en Gaza, reiterando que o PSdeG vai continuar denunciando “o xenocidio que o Goberno israelí está a perpetrar”. Criticou a quen se poñen “de perfil ante a barbarie” en lugar de estar “do lado da humanidade”, en referencia ás ausencias rexistradas nalgúns minutos de silencio convocados en Galicia.

Na mesma liña, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, condenou con firmeza os feitos ocorridos no edificio da Asociación Prodeme, onde a Xunta ten previsto habilitar un centro con 80 prazas para menores migrantes.

“Condenamos taxantemente os actos vandálicos acontecidos no edificio, que mesmo semellan un atentado. Unha sociedade pacífica como a monfortina non pode nin debe admitir actos como este”, sinalou o rexedor.

Tomé explicou que o ataque se produciu con dous artefactos incendiarios, un dos cales entrou no comedor da planta baixa tras forzar unha ventá e provocou un lume que danou instalacións eléctricas e mobiliario. A Policía Nacional investiga os feitos e analiza imaxes de videovixilancia, así como mensaxes en redes sociais nas que se afirmaba que “esto arránxase con gasolina”.

“E así o trataron de facer”, lamentou o alcalde, que visitou o inmoble para comprobar os danos e expresar apoio á entidade Prodeme. Ademais, convocou para o luns 22 unha xunta de voceiros co obxectivo de que a corporación municipal exprese un rexeitamento unánime ante o sucedido.

⚙ Configurar cookies
0.093249082565308