O PSOE de Quiroga impulsa melloras en camiños rurais co apoio do parque móbil da Deputación

RibeiraSacraXa
A agrupación socialista destaca o seu papel clave no goberno local para facer realidade estas actuacións, que melloran a vida da veciñanza e contribúen a revitalizar o rural
camino-rural-quiroga
27 May 2025

O PSdeG-PSOE de Quiroga pon en valor o remate das obras de mellora en varios camiños do termo municipal, executadas polo parque móbil da Deputación de Lugo con medios propios da institución provincial. Desde a agrupación socialista subliñan que estas actuacións foron posibles grazas ás xestións realizadas polo grupo municipal, que leva meses traballando para dar resposta ás necesidades da veciñanza.

Os traballos incluíron o asfaltado e acondicionamento do firme en puntos como Bustelo de Fisteus, A Ponte, Vilañán, A Barca, Toucedo, San Pedro (entrada da estrada) e Riomaior, así como a limpeza de cunetas en Bustelo, Fisteus e Montefurado. Desde o PSdeG de Quiroga destacan que estas intervencións “melloran a seguridade viaria e permiten que moitas vivendas do rural conten cun acceso digno, algo fundamental para fixar poboación e facilitar a vida nas parroquias”.

O Tenente de Alcalde de Quiroga, Vicente Parra Vizcaíno, e o Delegado de emprego e deportes, Antonio Marcos Prieto, mantiveron diversas conversas co Presidente da Deputación, José Tomé Roca, ao que lle trasladaron as prioridades do municipio co obxectivo de mellorar as dotacións públicas e os accesos nas parroquias. “Foi un compromiso político claro: trasladamos as necesidades da veciñanza, e hoxe estas melloras son unha realidade. Agradecemos o compromiso do Presidente da Deputación con Quiroga e co rural”, sinalan os socialistas.

Desde o PSdeG de Quiroga, sinalan que estas melloras están a dar resposta a un problema moi común no rural: a dificultade de acceso ás vivendas por falta de estradas en boas condicións. Grazas a estas actuacións, varias veciñas e veciños poden hoxe chegar ás súas casas con seguridade, e mesmo recuperar o uso de vivendas nas que non podían residir ata o de agora.

Así mesmo, lembran que estas actuacións inclúen tamén a subida completa á Aldea Modelo de Bustelo, unha das zonas que está a experimentar un proceso de recuperación e dinamización. “Estas obras contribúen á aposta firme que estamos facendo pola recuperación do rural, atendendo as necesidades da veciñanza e facilitando que máis persoas poidan vivir nas parroquias en condicións dignas. O reto demográfico afróntase con feitos coma estes: garantindo servizos e infraestruturas alí onde se precisa”, conclúen os socialistas.

⚙ Configurar cookies
0.14671111106873