O PSOE de Quiroga acusa ao alcalde de poñer o seu nome nunha praza que "non debe levalo"
O Concello de Quiroga aprobou unha moción presentada polo grupo popular na que se propuxo o nome dalgunhas rúas da vila e dunha praza, un feito que foi duramente criticado polo PSOE do municipio.
O Concelleiro de Xuventude e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias González, durante o pleno, explicou que a nova rúa que une a Rúa Tallos coa Rúa Rego da Silva, a partir de agora chamarase Rúa da Garda Civil e a rúa que vai dende a Rúa Praia á rúa que vai por detrás do Auditorio municipal será Rúa La Castellana.
Nestes dous casos, o PSOE non se pronunciou en contra, pero si o fixo cando o concelleiro anunciou o nome da praza situada entre as rúas Real e Lago, á que lle puxeron o nome do alcalde, Julio Álvarez Núñez.
Segundo o goberno local, este nome foi o elixido debido "á petición, avalada por preto de 700 cidadáns, na que se pedía que a nova praza tivese o nome do Alcalde, Julio Álvarez Núñez, como recoñecemento ao traballo exercido por el ao fronte da alcaldía de Quiroga durante 36 anos", explicaron.
Esta petición foi debatida na sesión plenaria e aprobada cos votos a favor do PP e cos votos en contra desta petición cidadá do BNG e PSdeG- PSOE.
Praza da Barbería
Desde o grupo socialista defenden que eles falaron cos veciños sobre o nome que querían poñer e "o nome que máis gusta é o de Barbería" e denuncian que "ata ao alcalde pareceulle obsceno poñerlle o seu propio nome a unha praza, por iso tratou de disfrazalo de petición popular, un acto de chulería e provocación, cunha recollida de firmas chea de irregularidades", explicaron.
Así, din que desas 700 firmas que o Concello de Quiroga explica ter, o PSOE argumenta que 143 son nomes sen DNI, outros son nomes sen firma, incompletos, menores de idade, non residentes no municipio ou persoas que firmaron varias veces.
"Das 720 firmas presentadas, se restamos as inválidas e as de quen firmou por medo, quedarían 300. Tendo en conta que o noso municipio ronda os 2.700 veciños maiores de idade, quérennos vender que é un clamor popular", conclúen desde o PSOE.