O PSOE de Chantada pide alternativas aos fogos artificiais polo risco de incendios

O PSdeG-PSOE en Chantada solicita ao Concello que reconsidere a celebración do espectáculo pirotécnico previsto nas festas patronais. A petición chega en plena vaga de incendios forestais en Galicia, que xa arrasaron máis de 70.000 hectáreas.
Os socialistas lembran que o propio municipio sufriu recentemente un lume en Sampaio de Muradelle, controlado grazas á intervención de gandeiros coas súas cisternas e ao traballo conxunto de brigadas, bombeiros, tractoristas, corpos de seguridade e veciños.
O PSdeG de Chantada salienta tamén a relevancia do traballo diario de agricultores e gandeiros na prevención de incendios e advirte das consecuencias que provoca o despoboamento e o abandono do rural. “Débese poñer en valor o seu papel, porque sen eles o risco multiplícase”, subliñan no comunicado.
En relación coa pirotecnia, o partido sinala que un espectáculo de fogos artificiais celebrado en Baiona o pasado venres derivou nun incendio, polo que considera “imprescindible” que o goberno local reflexione sobre a conveniencia de manter o evento previsto para o luns das festas.
“O Concello debe actuar con responsabilidade e valorar opcións alternativas que non incrementen o perigo nestes días críticos”, sinalou o voceiro socialista en Chantada, Mariano López, quen tamén reprochou a falta de medidas da Xunta de Galicia para regular o uso da pirotecnia nun contexto de alto risco.