O PSOE de Bóveda recorda que o punto limpo foi unha das súas solicitudes fai seis meses
A Voceira Socialista de Bóveda, Carmen Macía lembroulle ao Alcalde que o Grupo Socialista propuxo no pasado pleno de xuño ao Concello, a posta en servizo dun punto limpo móbil, como xa tiñan en marcha outros concellos da contorna.
A contestación do Alcalde naquela data, foi sinalar que a veciñanza xa sabia onde tiña que deixar os residuos, e que todo o mundo estaba informado. Dende o Grupo Socialista insistimos na necesidade de adquirir este equipamento, sobre todo para facilitar á veciñanza de Bóveda a recollida de todo tipo de aparellos, e tamén para evitar a proliferación de pequenos vertedoiros na vila.
“E agora comprobamos que o Alcalde tardou seis meses, fíxonos caso e recuou, e puxo en marcha este servizo que nos parece esencial para a veciñanza.
Dende o PSdeG parécenos fundamental impulsar iniciativas que contribúen a mellorar a nosa reciclaxe e tamén para mellorar o noso medio ambiente, aínda que as veces cheguen tarde”, insistiu Carmen Macía.