O PSOE de Bóveda denuncia o mal estado da rede de saneamento municipal e que non se recolle o lixo
Os socialistas de Bóveda denuncian o mal estado da rede de saneamento municipal, sobre todo nos núcleos rurais a través da voceira Carmen Macía, que lle urxe ao Alcalde a que actúe e dea solucións: “Ten que apostar por renovar este servizo básico que leva moitos anos en mal estado e é moi vello, pero non fai nada por arranxar este problema. Debe priorizar as actuacións e estas son moi urxentes”.
Ademais, engaden que "os veciños e veciñas están continuamente sufrindo problemas de desbordamentos da rede, algo inxustificable, e informan da súa situación ao Concello porque, de feito, teñen que solicitar que lles envíen maquinaria para desatascar cada vez que colapsa”, explica Macía.
En concreto, a situación en Eimer, na parroquia de San Fiz de Rubián, "xa pasa de preocupante, xa que mal conviven con esta realidade dende sempre, pois sofren desbordamentos e a saturación das tubaxes de maneira continua”. Pero tamén pasa en San Cristovo de Guntín, que as augas fecais discorren, incluso, ao aire libre".
"A veciñanza está cansa dos malos cheiros ao pé das súas vivendas, “son insoportables e non teñen porque vivir así, as augas fecais entran nas súas casas e nos baixos dos edificios, incluso nas hortas, o que pode ser un gran problema para a saúde”, detalla Carmen Macía.
Por outra banda, a voceira socialista en Bóveda continúa alertando da falta de recollida de lixo no municipio e que nas parroquias os contedores están moi cheos, polo que urxe que se axilice o servizo para evitar os problemas e os prexuízos que esta situación lle provoca á veciñanza da localidade.
"Os contedores que menos se recollen son os amarelos, que presentan bolsas do lixo amontoadas no chan porque xa superaron a súa capacidade. Esta situación é unha mostra máis da deixadez deste Goberno, da súa desgana, sen pensar nos problemas que teñen os nosos veciños e veciñas”, inciden dende a agrupación socialista de Bóveda.