O PSdeG-PSOE de Taboada pon en valor os investimentos en vías municipais e na recuperación da Casa Escola de Meixonfrío

RibeiraSacraXa
Lembran que as actuacións foron posibles grazas á colaboración entre o Concello e a Deputación de Lugo
obras-casa-escola-meixonfrio
Casa Escola de Meixonfrío
17 Sep 2025

O PSdeG-PSOE de Taboada destacou este mércores a finalización de melloras en sete vías municipais e o avance das obras na Casa Escola de Meixonfrío, que será habilitada como novo local social da parroquia.

Estas actuacións forman parte do convenio de colaboración asinado en novembro entre a Deputación de Lugo e o Concello de Taboada, cun investimento de 105.000 euros por parte da institución provincial. As intervencións xa completadas incluíron a mellora de accesos en Cadeiroás (Xián), A Casilla (Vilela), Zoás (Moreda) e Faquiós (Castelo), ademais de tramos das pistas que conectan As Neves con Monterroso por Sambreixo e Bouzoa con Maxal. Tamén se arranxou integralmente a pista que une Friamonde e Couso, acceso principal ao miradoiro do Banco do Cuco.

No caso da Casa Escola de Meixonfrío, as obras céntranse na cuberta e no reforzo estrutural para recuperar un edificio que, segundo os socialistas, “levaba moitos anos no máis absoluto abandono”, e que se converterá nun espazo comunitario para reunións e actividades veciñais.

O alcalde e secretario xeral do PSdeG en Taboada, Roi Rigueira Agromartín, asegurou que “estas melloras resolven necesidades históricas da nosa veciñanza. Grazas ao apoio da Deputación, hoxe as parroquias contan con accesos dignos e seguros, e Meixonfrío terá pronto un local social aberto á cidadanía”.

Desde a agrupación socialista lembran que este convenio forma parte dunha colaboración continuada coa Deputación. Este ano xa se mobilizaron novos investimentos, como os preto de 138.000 euros destinados en marzo á rehabilitación da antiga Cámara Agraria para convertela en local multiusos, e a achega de 250.000 euros aprobada en agosto para mellorar camiños, acondicionar a contorna do Banco do Cuco, adquirir un tractor para o parque móbil e reforzar servizos locais.

Rigueira subliñou que “sen o compromiso socialista sería moi difícil acadar investimentos desta magnitude para o noso concello. Estas melloras amosan o valor da cooperación entre administracións socialistas: cando Concello e Deputación traballan da man, os proxectos fanse realidade e melloran a vida diaria da xente”.

“Quero agradecerlle ao Presidente da Deputación, José Tomé Roca, a súa disposición permanente a atender as necesidades de Taboada e a demostrar, con feitos, que esta colaboración da froitos. Estou convencido de que, con esta liña de traballo conxunto, seguirán chegando novos proxectos que transformarán o noso concello”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.11720108985901