O PSdeG pide á Deputación de Ourense que se posicione en defensa dos concellos ante a Lei de Administración Local

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Instan a defender ante o Parlamento de Galicia a supresión das fusións municipais obrigatorias sen referendo previo e a reformulación dos criterios de reto demográfico, que deixan fóra decenas de municipios ourensáns
alvaro-vila-rolda-de-prensa
23 Mar 2026

O Grupo Provincial Socialista acaba de presentar unha moción que será debatida no próximo pleno na que piden á institución provincial unha “posición común en defensa da viabilidade dos concellos ante a Lei de Administración Local de Galicia”.

Os socialistas lamentan “o déficit estrutural do municipalismo ourensán” e lembran que o Fondo de Cooperación Local permanece conxelado desde o ano 2010 en 112,9 millóns de euros, sen actualización pese a un incremento acumulado do IPC superior ao 33,7%. Neste sentido, explican, a FEGAMP estima o custo das competencias impropias entre 600 e 700 millóns de euros anuais para o conxunto do municipalismo galego. Para o voceiro socialista, Álvaro Vila, “esta lei é a oportunidade histórica de corrixir ese desequilibrio estrutural que ten Ourense ao límite”.

Desde o PSdeG explican que o Consello de Contas advertiu que 36 dos 92 concellos da provincia presentan riscos reais para a súa viabilidade económica e lembran que a Deputación recoñeceu nas súas alegacións a insuficiencia do Fondo e o problema das competencias impropias, polo que reclamou á Xunta máis recursos. Con todo, sinalan, a institución provincial propuxo ao mesmo tempo reducir do 20% ao 10% a obriga de destinar fondos propios á cooperación municipal. Unha situación que, critican, “non é defensa do municipalismo” senón “mera retórica”, ao pedirlle ao propio ente “que a propia Deputación destine a metade do mínimo que prevé a lei” mentres solicita ao Goberno autonómico máis recursos.

A moción presentada defende o limiar mínimo do 20% de fondos propios da Deputación para cooperación municipal e reclama á Xunta o financiamento do 100% do custo real das competencias que a norma atribúa ás entidades locais.

“Os concellos non poden seguir asumindo servizos autonómicos cos seus propios recursos mentres o Fondo de Cooperación permanece conxelado desde hai quince anos”, sinala Vila, que explica que a iniciativa aspira a acabar co mecanismo polo cal os concellos sufragan competencias autonómicas para que a nova lei represente “un avance real”.

O anteproxecto, explican, habilita á Xunta para decretar fusións municipais obrigatorias sen esixir referendo previo nin aprobación por lei do Parlamento. Pola súa banda, a FEGAMP, que representa aos 313 concellos e ás 4 deputacións galegas, pediu a supresión ou modificación substancial deste artigo, esixindo que calquera fusión requira referendo previo ao amparo da Carta Europea de Autonomía Local. Segundo Vila, “a medida carece de precedentes noutras normas autonómicas. Con 92 concellos, moitos dos cales reúnen as condicións que o texto establece para activar unha fusión forzosa, a Deputación non pode quedar en silencio".

Ademais, o anteproxecto define os municipios en situación de reto demográfico con até catro criterios acumulativos, pero a FEGAMP realizou unha simulación con datos de 2025 que demostraba que estes criterios deixarían fóra do réxime especial a máis da metade dos concellos galegos menores de 5.000 habitantes, entre eles municipios ourensáns con poboación en declive real como Amoeiro, Boborás, Cartelle, Maceda ou A Pobra de Trives. Un réxime especial que, segundo Vila, “exclúe precisamente a quen máis o necesita, polo que non é un réxime especial”.

O anteproxecto iniciará a tramitación parlamentaria no verán de 2026, tras o peche do prazo de alegacións o pasado 23 de febreiro. A Deputación de Ourense, advirten os socialistas, “é o goberno da provincia con maior densidade municipal de España”, polo que consideran que a corporación ten a obriga de expresar a súa posición antes de que o texto chegue ao Parlamento. “Pedimos que esta institución se posicione co respaldo democrático que só un acordo do Pleno pode conferir, e que o faga cunha auténtica defensa dos 92 concellos da provincia”, conclúe o voceiro.

0.12014293670654