O PSdeG levará defenderá no Pleno da Deputación a autonomía local, a paz e o dereito internacional

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As e os socialistas instarán á Xunta a retirar ou reformular o anteproxecto da Lei de Administración Local porque “debilita” a autonomía dos concellos
pilar-garcia-porto
27 Mar 2026

O Grupo Provincial Socialista defenderá no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará o martes, dúas iniciativas centradas na defensa do municipalismo e dos servizos públicos, así como no compromiso coa paz e co dereito internacional. Por unha banda, presentará unha proposta de Goberno en defensa da autonomía local e do financiamento dos concellos e deputacións fronte ao anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia impulsado pola Xunta; e, pola outra, levará unha moción en defensa da paz e da resolución diplomática dos conflitos.

A primeira das iniciativas, presentada como proposta de goberno, aborda o anteproxecto de Lei de Administración Local impulsado pola Xunta, que o PSdeG considera que “lonxe de fortalecer o municipalismo, debilita a autonomía dos concellos e das deputacións, amplía as súas obrigas sen financiamento e incrementa o control da Xunta sobre as entidades locais”.

O Grupo Provincial Socialista denuncia que o texto nace con importantes deficiencias, tanto no procedemento de elaboración, ao omitir a consulta pública previa e as memorias económicas preceptivas; como no seu contido, ao introducir cambios que afectan directamente á capacidade de autogoberno das entidades locais.

As e os socialistas alertan de que o anteproxecto elimina figuras territoriais como parroquias e comarcas, non define con claridade as competencias municipais e abre a porta a baleirar de funcións aos concellos máis pequenos mediante a súa delegación nas deputacións. Ademais, advirten de que se impoñen novas obrigas ás administracións locais sen garantir os recursos necesarios para asumilas.

No ámbito do financiamento, a iniciativa reclama a necesidade de establecer un sistema estable e suficiente, que garanta a participación dos concellos nos ingresos da comunidade autónoma e que compense os gastos derivados de competencias impropias, como o mantemento de centros sanitarios ou educativos.

Neste contexto, o PSdeG instará á Xunta a retirar ou reformular o anteproxecto antes da súa tramitación parlamentaria, así como á apertura dun proceso real de diálogo coas entidades locais que permita elaborar unha norma que respecte a autonomía municipal e garanta a suficiencia financeira das entidades locais.

Defensa da paz e do dereito internacional

A segunda iniciativa que o PSdeG levará ao Pleno é unha moción en defensa da paz e do dereito internacional ante a escalada en Oriente Medio, unha situación que, segundo explica a súa voceira, Pilar García Porto, “non pode resultarnos allea, nin como persoas, nin como galegas e galegos”.

O Grupo Provincial Socialista subliña o alto custo humano, social e económico dos conflitos armados e advirte que as súas repercusións globais tamén afectan a territorios como a provincia de Lugo, co seu marcado carácter gandeiro. Lembran que Lugo xa “sufriu dun xeito agudo as consecuencias da guerra de Ucraína sobre os prezos do diésel ou das forraxes” e alertan de que “un novo incremento do prezo do combustible ou o peche de rutas comerciais fundamentais pode ser un novo golpe importante para a nosa economía”.

As e os socialistas lembran que “as guerras iniciadas fóra do marco do dereito internacional e sen o respaldo da comunidade internacional non resolveron os conflitos; en moitos casos provocaron máis violencia, máis inseguridade e crises humanitarias de gran magnitude” , e reafirman o seu posicionamento “do lado da paz, do diálogo e do dereito internacional”.

A moción defende que a única saída posible debe ser a través da negociación diplomática e política, condenando calquera vulneración do dereito internacional e reclamando o cesamento inmediato das hostilidades. Así mesmo, inclúe a solidariedade coas vítimas civís e o apoio aos esforzos diplomáticos do Goberno de España, da Unión Europea e da comunidade internacional para avanzar cara a unha desescalada do conflito.

A iniciativa incorpora tamén a petición á Xunta de adoptar medidas específicas de apoio para os sectores económicos galegos afectados, co obxectivo de evitar que se repita a inacción do goberno autonómico, como aconteceu tras a guerra de Ucraína.

Pilar García Porto sinalou que ambas propostas responden a “dous ámbitos clave da nosa acción política: a defensa do municipalismo e dos servizos públicos, e o compromiso cos valores democráticos e coa paz”. Neste sentido, advertiu de que “non se pode avanzar debilitando aos concellos nin ignorando o impacto dos conflitos na vida da xente”, e subliñou que “é necesario actuar con responsabilidade institucional, diálogo e planificación”.

A voceira concluíu que “a Deputación será firme na defensa da provincia, do municipalismo e do equilibrio territorial”, e advertiu de que “Lugo non vai calar ante políticas que recorten dereitos ou limiten as oportunidades da veciñanza”.

0.14040899276733