O PSdeG denuncia o “abandono” da atención primaria na provincia de Lugo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As e os socialistas alertan da falta de profesionais, do aumento das listas de espera e do deterioro da asistencia sanitaria no rural
psoe-provincia-de-lugo-sanidad
26 Mar 2026

O PSdeG denunciou hoxe o “abandono” da atención primaria na provincia de Lugo por parte do Goberno galego, tras anos de recortes e falta de planificación. Fíxoo nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial do partido, na que participaron a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; a voceira do PSdeG na Deputación, Pilar García Porto; o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas; e o alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico.

Na súa intervención, Lara Méndez enmarcou a situación da provincia nun problema de fondo a nivel galego e advertiu de que a crise sanitaria responde a un fallo estrutural do sistema. “Galicia está a cola da atención primaria e vive as peores listas de espera da década. Non é una percepción: é un dato oficial do CIS e do propio Sergas. O problema non é a demanda, é a falta de xestión da Xunta”, afirmou.

Méndez subliñou o incremento da preocupación social pola sanidade, cun nivel de insatisfacción que pasou do 75% ao 90% na última década, e sinalou que “non estamos ante un problema puntual, senón ante unha evolución negativa sostida”.

A dirixente socialista puxo cifras a este deterioro, con preto de 400.000 persoas en listas de espera e un incremento de máis de 20.000 en apenas seis meses. “Un de cada catro galegos necesitaba unha consulta e non a conseguiu”, subliñou.

Tamén destacou o aumento dos tempos de agarda en probas e intervencións: “agardar medio ano por unha proba pode marcar a diferencia entre chegar a tempo ou non”, e engadiu que “estamos a falar de preservar o maior patrimonio que temos a título individual, que é a nosa saúde”.

Méndez responsabilizou directamente ao PP pola falta de planificación e de reforzo do sistema público na Xunta, e puxo de manifesto a “deriva cara á privada”, sinalando que “o PP deixa caer o público para engordar o privado”.

Pola súa banda, Pilar García Porto puxo o foco na realidade da provincia e afirmou que a situación “vai moito máis alá de cifras”, xa que afecta directamente á igualdade e á dignidade da cidadanía. “En Lugo non se vive igual segundo onde residas”.

Porto denunciou a falta estrutural de profesionais, con prazas sen cubrir e xubilacións e baixas sen substitución, e advertiu da precariedade asistencial no rural. “Hai concellos onde directamente non se cobren as prazas”, e citou casos como Cervantes -que pasou de tres médicos a un só-, Bóveda -onde dous centros dependen dun único profesional-, ou Pantón -con prazas sen cubrir e risco de quedar sen atención a curto prazo-. “Isto non é unha anécdota, isto é abandono”.

Tamén se referiu á situación doutros municipios como Negueira de Muñiz, As Nogais ou O Corgo, onde a falta de medios está a provocar desprazamentos innecesarios, saturación e desigualdade.

Ademais, alertou da presión actual sobre os grandes centros sanitarios e do impacto social desta realidade, lembrando que “sen sanidade, non hai futuro para o rural” e subliñou que “ou reforzamos a sanidade pública, ou estaremos certificando o abandono da nosa provincia”. Porto concluíu que “o deterioro do sistema público está a favorecer unha maior dependencia da privada, profundizando nas desigualdades e rompendo o principio de igualdade no acceso á atención sanitaria”.

Os alcaldes de Ribeira de Piquín e de Xermade trasladaron a realidade que viven en primeira persoa nos seus concellos, marcada pola falta de médicos e a dificultade para garantir unha atención continuada.

Roberto Fernández Rico advertiu da deriva do servizo no seu municipio, onde “fai 10 anos tiñamos un médico a tempo completo os 5 días da semana e a día de hoxe, no mellor dos casos, podemos enfermar 12 horas a semana”. Rico denunciou a improvisación na cobertura das prazas e as consecuencias directas que supón para a veciñanza. Ademais, denunciou que “no concello de Ribeira de Piquín viñeron colexiados en dúas ocasións ofrecéndose a cubrir a praza de médico do centro de saúde sen que o Sergas chegara a contactar con eles”.

Pola súa banda, o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, explicou que o seu concello pasou de contar con tres médicos a ter, en moitas ocasións, só un, o que provoca que o centro de saúde quede desatendido ante urxencias ou visitas domiciliarias. Así, salientou que “a sanidade é algo obrigatorio, universal e que non pode esperar” e reclamou máis recursos para garantir unha atención digna.

As e os representantes socialistas insistiron na necesidade de que a Xunta adopte medidas urxentes para reforzar a atención primaria, cubrir as prazas vacantes e garantir unha sanidade pública de calidade en todo o territorio, especialmente no rural.

0.12214803695679