O PSdeG de Ourense celebra a declaración dos entroidos do oriente como Festa de Interese Turístico Nacional

RibeiraSacraXa
Os socialistas salientan que “esta é unha gran nova para a provincia, e un exemplo máis de que este Goberno está comprometido coa tradición, a cultura e o seu arraigo no territorio”
desfille-fulions-entroido-manzaneda
10 Jul 2025

A Secretaría de Estado de Turismo vén de outorgar aos entroidos do oriente ourensán, que se celebran en Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense salientan que que con esta declaración “potenciaranse” tres Entroidos dos de maior relevancia da provincia, “atraendo” un maior número de visitantes e dando “maior visibilidade” ao traballo destes municipios por potenciar estas citas culturais e festivas.

O Goberno, a través da Secretaría de Estado de Turismo, vén de impulsar este recoñecemento, no que se premia o carácter ancestral e os valores culturais destes tres entroidos da provincia, que supoñen un gran atractivo turístico para os concellos de Viana do Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso. Os tres concellos presentaron no seu momento unha solicitude conxunto, que agora, unha vez resolta ao cumprirse todos os requisitos, vén de confirmarse dita declaración. Súmanse deste xeito ao Entroido de Verín, xa de Interese Turístico Nacional e ao de Xinzo de Limia, de Interese Turístico Internacional.

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, poñen de manifesto que “esta é unha gran nova para a provincia de Ourense, e un exemplo máis de que este Goberno está comprometido coa tradición, a cultura e o seu arraigo no territorio”. Ambos coinciden ao afirmar que con esta declaración “potenciamos non só os municipios de Manzaneda, Viana do Bolo ou Vilariño de Conso, senón toda a provincia, dándolle maior visibilidade a nivel nacional e promocionando o noso Entroido, único no mundo”.

“Esta é unha oportunidade única para atraer un maior número de visitantes a nosa provincia, potenciar o turismo interior e pór en valor o rural ourensán, as súas raíces e a súa cultura”, afirman Villarino e Martín. Deputada e senador tamén destacan que para esta concesión “tívose en conta non só o interese real dende o punto de vista do turismo, senón tamén a antigüidade da celebración, a súa continuidade ao longo do tempo e a presenza de milleiros de persoas ano tras ano nos tres Entroidos”.

Os Entroidos de Ourense destacan pola presenza de máscaras e personaxes identificativas a cada unha das celebracións. No caso de Manzaneda é tradicional a mázcara, namentres en Vilariño de Conso e Viana do Bolo destaca a figura do boteiro. “Estamos ante unha celebración de gran atractivo turístico, que conta ademais con diferentes iniciativas para garantir a súa promoción, difusión e permanencia no tempo, como é o Festival Internacional Mascarada Ibérica ViboMask”, finalizan Marga Martín e Rafa Villarino.

⚙ Configurar cookies
0.16464400291443