O PSdeG da comarca de Lemos celebrou a súa reunión comarcal coa vista posta nos comicios de 2027

O PSdeG-PSOE da comarca de Lemos celebrou este mércores a súa reunión comarcal coa vista posta xa nas vindeiras eleccións de 2027.
O encontro estivo presidido polo Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, e a Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Organización, Pilar García Porto, e contou coa participación da dirección e representantes das agrupacións de Lemos, como o delegado comarcal, José Luis Losada Fernández, e representantes das agrupacións do Saviñao, Pantón, Sober, Bóveda, Monforte de Lemos, Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel.
A sesión estivo marcada pola análise política do territorio e pola coordinación do traballo para os vindeiros meses, e centrada fundamentalmente na planificación electoral e organizativa.
Durante o encontro, PSdeG-PSOE avanzou que presentará candidaturas en todos os concellos da comarca, “con equipos preparados e proxectos serios para responder ás necesidades reais da cidadanía”. A dirección provincial destacou tamén o papel de Monforte como segunda cidade da provincia e motor do sur de Lugo, “unha referencia en servizos, mobilidade e actividade económica”.
Ao longo da xornada, os socialistas analizaron as actuacións que se están a desenvolver no sur da provincia a través doutras administracións, desde as melloras ferroviarias e os traballos de modernización e electrificación da rede, que reforzan o papel de Monforte como nó estratéxico, ata os investimentos impulsados desde a Deputación de Lugo en infraestruturas e servizos básicos. Uns avances que, destacan, “contribúen a dinamizar a comarca e a consolidar o seu peso dentro da provincia”.
Tomé subliñou que Lemos vive “un momento de progreso”, pero advertiu de que este impulso “topa cos límites dun Goberno galego instalado na parálise”, lembrando que o territorio continúa “á espera de proxectos estratéxicos que dependen exclusivamente da Xunta”. Os avances que está a experimentar o territorio, dixo Tomé, “non poden ocultar as débedas acumuladas da Xunta con Lemos”. Neste sentido, o líder dos socialistas na comarca puxo de exemplo o relativo ao Porto Seco de Monforte, unha infraestrutura clave para o desenvolvemento industrial e loxístico da comarca e que lembra, “continúa bloqueada polo goberno do PP”.
Tomé acusou á Xunta de “falta de implicación” co sector primario e co vitivinícola, dous piares económicos da comarca que, segundo o socialista, seguen sen recibir o apoio necesario. Neste sentido, lembrou que que a Ribeira Sacra é unha das marcas máis recoñecidas de Galicia e que “merece unha aposta turística seria e estable por parte da Xunta”, e lamentou que o Goberno galego “non conte cun plan ambicioso para poñer en valor un territorio que concentra paisaxe, patrimonio, gastronomía e un enorme potencial económico”.
“Lemos non pode seguir condicionado pola falta de proxecto da Xunta”, sentenciou, defendendo que o PSdeG é “a alternativa seria e preparada para ofrecer respostas e garantir oportunidades reais no sur da provincia”.
A reunión mantida en Monforte, sinalan os socialistas, segue a reforzar o modelo de traballo da dirección provincial, baseado na proximidade e na escoita activa, consolidando unha organización conectada co territorio e centrada nas necesidades reais da cidadanía. “Este ciclo de encontros estanos permitindo actualizar prioridades, anticipar retos e fortalecer unha presenza política firme e cohesionada en todos os recunchos da provincia”.