O PSdeG de Lugo aposta pola unidade tras o incidente do Pleno e comprométese a reforzar a comunicación interna

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Tomé cualificou de "situación insólita" a ausencia dos tres deputados, e subliñou que "os cargos públicos deben estar nas institucións"
pleno-deputacion-tome
26 Jun 2025

O grupo socialista da Deputación de Lugo traballa por recuperar a cohesión interna tras a inesperada ausencia de tres dos seus deputados no Pleno celebrado este martes, feito que deixou ao goberno provincial en minoría. A solución chegou tras unha reunión de máis de dúas horas que tivo lugar este xoves, e na que se recoñeceu que "o acontecido non debía terse producido" e se fixou o compromiso de que "non volverá suceder".

Segundo informou o presidente da Deputación, José Tomé, a xuntanza decorreu nun ambiente "tranquilo, con moito debate e longa", e concluíu co acordo unánime de reforzar os canais de comunicación entre as distintas sensibilidades do grupo socialista. Na reunión estiveron presentes nove dos dez deputados, coa única excepción de Francisco Cajoto, quen estaba convocado á asemblea da súa agrupación local, aínda que se mantivo en contacto cos compañeiros e uniuse a eles telefonicamente.

Tomé cualificou de "situación insólita" a ausencia dos tres deputados, e subliñou que "os cargos públicos deben estar nas institucións". Aínda así, garantiu que "a estabilidade institucional da Deputación está asegurada" e pediu desculpas á militancia, destacando que a sesión plenaria se desenvolveu con normalidade malia o incidente.

Os tres deputados ausentes —Iván Castro, Marisol Morandeira e José María Arias— coinciden en ter liderado a candidatura alternativa a Tomé nas pasadas primarias do partido. Porén, o presidente restou importancia a ese feito e afirmou que "a vida interna do partido non debe condicionar o funcionamento da institución". Negou que vaia haber cambios na executiva provincial e indicou que hai unha "vontade clara" de mellorar a coordinación interna.

Como resposta á demanda de mellor comunicación expresada polos deputados ausentes, designouse a Pilar García Porto como figura encargada de canalizar a información entre os distintos sectores do grupo. Tomé asegurou que non haberá modificacións nas atribucións dos deputados nin represalias, "porque non se pode sancionar á primeira", e reafirmou que o goberno provincial seguirá funcionando cos dez deputados socialistas e o apoio dos tres do BNG.

A reunión tamén serviu para abordar o remate do contrato dunha asesora próxima a Iván Castro, unha decisión que Tomé xustificou lembrando que “se cumpriu o pactado o ano pasado: o contrato remataría ao final do mandato da anterior executiva, e así foi”.

O presidente provincial non perdeu a ocasión para criticar o comportamento do PP, ao que acusou de actuar con "irresponsabilidade" por opoñerse á apertura da residencia de Becerreá durante o Pleno. Tomé comprometeuse a levar de novo o asunto á sesión de xullo e concluíu con rotundidade: “a residencia de Becerreá vaise abrir”.

⚙ Configurar cookies
0.15532302856445