O PSdeG de Chantada alerta de que o Concello podería perder unha subvención para a nova ponte do río Asma

RibeiraSacraXa
Acusan ao Goberno municipal de “inacción” e advirten que a falta de xestión pode frear un proxecto clave para o barrio da Ponte
Mariano-Nieves-PSOE-Chantada
4 Jun 2025

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Chantada alerta de que o Concello de Chantada podería perder un investimento de máis de 3 millóns de euros procedentes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), destinados á construción dunha nova ponte sobre o río Asma, no barrio da Ponte. Os socialistas apuntan directamente á “falta de xestión do Goberno municipal” e alertan de que esta situación podería supoñer a paralización do proxecto.

Esta actuación, longamente demandada pola veciñanza, foi obxecto da moción presentada polo PSdeG-PSOE no pleno de decembro de 2024 e aprobada coa finalidade de desbloquear un proxecto esencial para a vila, lembran os socialistas.

A proposta incluía tres pasos clave: dirixirse formalmente á CHMS, modificar o PXOM para dar encaixe urbanístico á obra e consignar unha partida orzamentaria municipal. “Pasaron seis meses e o Goberno local non fixo absolutamente nada. A súa inacción é alarmante e pode facer que Chantada perda unha oportunidade histórica”, advertiu o voceiro socialista, Mariano López.

Segundo explican os socialistas, a CHMS remitiu hai máis dun mes e medio un borrador de convenio para formalizar a colaboración e poder avanzar no proxecto. Sen embargo, o Concello segue sen dar resposta. “Non hai desculpa posible. Hai financiación, hai apoio institucional e hai demanda social. O que falta é vontade política e capacidade de xestión”, denunciou López Nieves.

Desde o PSdeG-PSOE lembran que a nova ponte permitiría solucionar os problemas de tráfico e perigosidade viaria que sofre o barrio da Ponte, revalorizando unha zona histórica, patrimonial e cada vez máis transitada por estar en pleno Camiño de Inverno. “Esta obra non é só unha mellora na mobilidade, é unha aposta pola recuperación urbana, pola convivencia e polo futuro dunha das zonas máis emblemáticas da vila”, sinalou o voceiro socialista.

Os socialistas de Chantada insisten en que esta oportunidade non se pode perder. “Estamos a falar de máis de 3 millóns de euros que xa están enriba da mesa. Non podemos permitir que o desleixo e a pasividade institucional freen un proxecto que leva décadas reclamándose. Chantada merece moito máis”, concluíu López Nieves.

⚙ Configurar cookies
0.14540195465088