O PSdeG acusa a Rueda de abandonar a provincia durante "dous anos de parálise"

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Méndez, García Porto e Abelleira denuncian máis listas de agarda, cero vivenda pública e proxectos estratéxicos bloqueados na provincia
mulleres-psoe-lugo
1 Mar 2026

A secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, a voceira do PSdeG na Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e a concelleira Ana Abelleira, fixeron un balance dos dous anos de Alfonso Rueda á fronte da Xunta, que cualificaron como “dous anos perdidos para Galicia e dous anos de abandono para Lugo”.

Lara Méndez incidiu nas valoracións realizadas esta semana polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen advertiu que “nunca un presidente deixou a tantos galegos e galegas sen as súas necesidades básicas cubertas”. A deputada puxo o foco nas tres principais preocupacións da cidadanía: sanidade, vivenda e emprego. “Preto de 30.000 persoas están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública, máis de 350.000 agardan por unha cita sanitaria e 42.000 galegos e galegas levan máis dun ano no paro. Ese é o balance real fronte á propaganda da Xunta”, afirmou.

En materia sanitaria denunciou que hai máis de 350.000 persoas esperando por unha cita e que en moitos centros de saúde “non hai médicos de familia suficientes”. “A sanidade pública está máis tensionada que nunca. Para que están as institucións se non é para resolver os problemas da cidadanía?”, cuestionou.

Sobre vivenda, advertiu que Galicia vive “o peor momento da súa historia en acceso á vivenda pública”. “Son dous anos de anuncios e titulares, pero nunca houbo tantas persoas sen alternativa habitacional. En Lugo a situación é insostible: levamos 17 anos sen unha soa promoción pública da Xunta. A última adxudicación foi en 2008. Ese é o compromiso real de Rueda coa cidade”.

Méndez cuestionou tamén o modelo residencial do PP. “O que propoñen non é política pública de vivenda, é masificación. É o mesmo modelo que aplican nas residencias: menos prazas públicas, máis derivación ao privado e menos dignidade”.

No plano industrial, incidiu na ausencia dunha estratexia clara por parte da Xunta: “O único modelo industrial de Rueda para Galicia foi Altri. Non hai plan industrial, non hai estratexia territorial e non hai proxecto para Lugo”.

A parlamentaria vinculou ademais o incremento das mobilizacións sociais ao desgaste do Goberno galego. “Cando hai protestas cada semana é porque algo non funciona. Hoxe estivemos nas Gándaras defendendo unha vellez digna; estivemos en Santiago reclamando máis profesorado para atender as necesidades educativas especiais; e estaremos en Baleira defendendo a atención primaria. Estas mobilizacións son o reflexo dun desgoberno que non escoita nin resolve”.

“A Rueda só lle interesa Lugo cando hai eleccións. Somos as e os socialistas quen temos que denunciar dende todas as institucións esta política de abandono: no Congreso, no Senado, no Parlamento de Galicia, na Deputación e nos concellos”.

Pola súa banda, Pilar García Porto puxo o foco no incumprimento dos compromisos adquiridos coa provincia hai dous anos, tras a reunión mantida entre a Deputación e Rueda. “Dous anos despois daquela xuntanza, Lugo segue exactamente igual. Non hai avances, non hai proxectos executados e non hai resultados”.

En materia de infraestruturas, denunciou as “débedas históricas” que a Xunta ten con Lugo. “A Ronda Leste continúa sen avanzar, a estrada do Courel segue sen un arranxo integral, o desdobramento da autovía Nadela-Monforte nin está nin se lle espera, e a variante de Viveiro pasou de ser unha vía de altas prestacións a converterse nunha simple pista asfaltada. Ese é o modelo do PP de Rueda: rebaixar proxectos e vender anuncios”.

En sanidade advertiu que a provincia atravesa “un dos peores momentos da súa historia recente”. “Hai máis reivindicacións ca nunca porque hai menos médicos e menos enfermeiras, especialmente no rural, onde vive unha poboación maior e dispersa que precisa máis atención sanitaria. Mesmo a pediatría presenta cada vez carencias máis preocupantes”.

Porto sinalou que a situación da sanidade e do SAF están directamente relacionadas. “A Xunta incrementou as achegas, pero seguen sendo claramente insuficientes. Fan falta moitas máis horas de SAF das que se están financiando e as listas de agarda nos concellos son inasumibles. Os municipios están soportando unha carga económica que non lles corresponde”.

A esta realidade sumou a situación das residencias. “A Xunta segue sen crear as prazas públicas necesarias, non amplía capacidade e continúa concertando con centros privados mentres reduce recursos nas públicas. Só está pendente de abrir a residencia de Antas e seguimos acumulando problemas como os que estamos vendo nas Gándaras. Este non é un modelo que garanta dignidade”.

Porto concluíu incidindo na ausencia dun plan industrial real para a provincia. “Lugo leva anos sen unha estratexia clara de desenvolvemento económico. O único que escoitamos foi Altri, e nin sequera iso saíu adiante. Dous anos despois, seguimos sen plan e sen rumbo”.

Ana Abelleira centrou a súa intervención nos incumprimentos da Xunta coa cidade de Lugo e reclamou “compromiso real e concreción inmediata” nos proxectos estratéxicos que dependen do Goberno galego e que están a condicionar o desenvolvemento económico e o benestar da veciñanza.

A concelleira sinalou a paralización do Plan Paradai, a falta de conexión do polígono das Gándaras coa A-6 e a ausencia de avances no Museo da Romanización e na rehabilitación da Tinería. “Urxe que a Xunta deixe de anunciar e comece a executar. Lugo non pode seguir agardando”.

En materia de patrimonio, foi especialmente dura coa situación do Museo da Romanización: “Non é xa unha cuestión simbólica nin histórica, é unha cuestión de responsabilidade e seguridade. Están deixando deteriorar un edificio que non se poderá rehabilitar e haberá que reconstruílo por completo”, advertiu.

Tamén criticou o abandono do barrio da Tinería. “Non hai rehabilitación, non hai política pública de vivenda e non hai planificación. Fan fotos, pero non executan nada. O resultado é un conxunto histórico sen ningún futuro”.

Sobre o Plan Paradai, lembrou que leva máis de tres décadas pendente de execución e advertiu das consecuencias urbanísticas e ambientais da súa parálise. “Non hai garantías de servizos nin planificación real para o crecemento do Sagrado Corazón. A Xunta non pode pretender levantar vivenda sen dotacións básicas nin as infraestruturas necesarias”.

Abelleira concluíu denunciando que o modelo do PP en Lugo “non constrúe, non planifica e non resolve”, e advertiu de que a cidade “non pode seguir sendo a gran esquecida da Xunta”.

0.11562204360962