O próximo roteiro “Quiroga, territorio literario” estará dedicado ao poeta do Courel, Uxío Novoneyra

RibeiraSacraXa
A novidade deste ano é a incorporación dunha estela en homenaxe a Novoneyra, situada diante do antigo establecemento “El Derroche”
roteiro-quiroga-uxiio-novoneyra
25 Jun 2025

O Concello de Quiroga organiza unha nova edición do roteiro “Quiroga, territorio literario”, que se celebrará o venres 18 de xullo, entre as 10:00 e as 14:30 horas, e que estará centrado na figura do poeta do Courel, Uxío Novoneyra.

A ruta inclúe un traxecto urbano polo centro de Quiroga, con visitas a diferentes puntos vinculados a autores e autoras cunha relación significativa coa vila. A novidade deste ano é a incorporación dunha estela en homenaxe a Novoneyra, situada diante do antigo establecemento “El Derroche”, un lugar que frecuentaba o poeta.

A actividade estará conducida pola escritora Celia Díaz e contará coa música de Xavier Blanco, da Fundación Legar. Tamén está prevista a presenza da familia do escritor.

O desprazamento a algúns puntos fóra do centro realizarase en autobús, ofrecido pola organización. A inclusión de Novoneyra na ruta foi posible grazas ao financiamento do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra dentro do Plan de Sostibilidade Turística.

A ruta literaria de Quiroga forma parte da Asociación RELIGA, que agrupa casas, museos e espazos literarios de Galicia. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do 17 de xullo na Casa da Cultura, ben de forma presencial, por teléfono (982 43 51 25) ou por correo electrónico (cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es).

⚙ Configurar cookies
0.12037301063538