O Proxecto Nós estará finalmente en Chantada durante esta xornada

RibeiraSacraXa
Todos os participantes que doen as súas voces recibirán un libro e unha libreta de agasallo pola súa aportación
Cemit-Chantada
22 Out 2024

O Concello de Chantada colabora co Proxecto Nós, unha iniciativa que pretende que a lingua galega non fique excluída dos novos desenvolvementos dixitais e converter a Galicia en vangarda na elaboración de produtos baseados en Tecnoloxías da Linguaxe.

A cita desenvolverase o 22 de outubro, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, na aula de informática Cemit.

Para apuntarse, as persoas voluntarias deben dirixirse á Casa da Cultura, ben presencialmente ou por teléfono 982 441 752. Todos os participantes que doen as súas voces recibirán un libro e unha libreta de agasallo pola súa aportación.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela confía na boa resposta dos veciños e veciñas de Chantada: “É un orgullo que se pensara no noso Concello para desenvolver unha xornada deste tipo. Estou convencido de que a veciñanza de Chantada responderá positivamente a esta chamada de colaboración. Con acudir á aula informática e ler unhas frases durante 15-20 minutos xa estaremos facendo unha grande contribución ao avance da lingua galega nos desenvolvementos dixitais”.

Co Proxecto Nós conséguese un amplo banco de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres así como o desenvolvemento de ferramentas en código aberto que poidan ser empregadas, libre e gratuítamente.

Con este traballo, todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poderán entender e falar a lingua galega en calquera ámbito tecnolóxico como cando lle damos unha orde ao GPS do coche ou falamos cun asistente de voz como SIRI ou ALEXA.

Cando o proxecto estea rematado poderase acceder de balde a ferramentas como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos que poderán empregar no desenvolvemento dos seus propios produtos.

0.178866147995