O proxecto ESCAI Ribeira Sacra proba en Pantón o uso de drons para o transporte de uva

O 25 de setembro levouse a cabo na adega Finca Míllara, en Pantón, a primeira proba en España de transporte de uva mediante dron nun proceso de vendima. A iniciativa forma parte do proxecto Espazo para Servizos Aéreos Comerciais Innovadores (ESCAI Ribeira Sacra).
A operación consistiu en trasladar caixas de uva Mencía desde as viñas ata a adega cun dron DJI FlyCart 30, operado polo Grupo Elecnor. En total movéronse 60 quilos de uva en tres viaxes de arredor de tres minutos cada un, co obxectivo de analizar se esta tecnoloxía pode servir de apoio á viticultura en terreos de difícil acceso.
O proxecto contou coa colaboración da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), ENAIRE, SAERCO, a adega Finca Míllara e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
O presidente do Consello Regulador, Antonio Lombardía, destacou que a viticultura na zona segue a ser maioritariamente manual, pero que este tipo de ensaios permiten explorar novas ferramentas que poderían resultar útiles en casos concretos, sobre todo en áreas con accesos complicados ou na aplicación de tratamentos fitosanitarios.
A proba supón un primeiro paso na incorporación de solucións tecnolóxicas nunha viticultura caracterizada polo esforzo manual e a complexidade do terreo.