O proxecto Comunidades de Emprego e Empreendemento Rural Sostible brindou orientación laboral a máis de 245 persoas en Galicia

Durante 2024 e 2025, Acción Contra a Fame desenvolveu o proxecto Comunidades de Emprego e Empreendemento Rural Sostible nas comarcas galegas de Lemos, Chantada e Deza. Grazas á colaboración de entidades públicas, privadas e medios de comunicación, esta iniciativa, financiada polo Fondo Social Europeo Plus a través da Fundación MAPFRE, logrou importantes avances e acaba de conseguir unha prórroga que a manterá activa polo menos ata decembro de 2027, con posibilidades de extenderse ata 2029.
O proxecto brindou orientación laboral a máis de 245 persoas, principalmente migrantes hispanoamericanos e africanos, con idades entre 20 e 65 anos, que en moitos casos afrontan dificultades para homologar os seus estudos en España. A atención inclúe itinerarios personalizados para definir obxectivos profesionais, preparar currículos e adestrar entrevistas, ademais de ofrecer formacións específicas en áreas como prevención de riscos laborais, albañilería, competencias dixitais, limpeza en aloxamentos turísticos, loxística e distribución.
En canto ao emprendemento, a maioría dos participantes aspiran ao autoemprego, segundo os datos facilitados polos seus promotores. Así, acompañáronse proxectos desde fases iniciais ata próximos a formalizarse, con mentorías especializadas e obradoiros para mellorar competencias brandas, xurídicas, financeiras e dixitais. As Comunidades de Aprendizaxe creadas —como Montes de Saberes, Adegas Pequenas ou Mulleres Rurais— desenvolveron unha intensa actividade, especialmente en Chantada, onde tamén destaca a Comunidade de Aprendizaxe Turismo Sostible Rede Miño Secreto. Ademais, o Club de Empreendemento Ribeira Sacra impulsa a coordinación e as sinerxías entre proxectos locais.
Ata agora, rexistráronse 76 insercións laborais, oito delas en emprendementos, e actualmente acompáñase a 13 persoas en proceso de alta de negocio con previsión para 2026.
Desde Acción Contra a Fame expresan o seu agradecemento a todos os axentes implicados e reafirman o seu compromiso coa fixación poboacional de calidade nas zonas rurais galegas, obxectivo central deste proxecto.