O programa “Ler conta moito” chega a Monforte con teatro e maxia para os máis pequenos

A primeira actividade terá lugar este venres 19 de setembro ás 12:00 horas, dirixida ao alumnado de 1º de Primaria. Nesta sesión, o ilusionista Mago Marco presentará un espectáculo de maxia interactiva pensado para espertar a imaxinación dos nenos, con trucos sorprendentes e momentos nos que os propios asistentes se converterán en protagonistas.
A segunda sesión está programada para o venres 26 de setembro ás 12:00 horas, centrada no alumnado de 2º de Primaria. A compañía Tropa de Trapo representará “4 monos”, unha obra que mestura humor e reflexión a través das historias de catro monos, promovendo a creatividade e a conciencia sobre a relación cos demais e co entorno.
O alcalde, José Tomé Roca, subliña que o obxectivo deste programa é: “é dar a coñecer e fomentar a lectura entre os alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Monforte”. A iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla da Dirección Xeral de Cultura para achegar a lectura aos nenos mediante actividades atractivas que faciliten a conexión cos espazos bibliotecarios.