O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada inicia a súa nova edición nas provincias de Lugo e Ourense

O Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Chantada comeza a edición 2025/2026 co obxectivo de mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas desempregadas, ofrecendo orientación personalizada, información, asesoramento, formación, prospección e intermediación laboral.
Nesta edición participarán 100 persoas desempregadas dos concellos que integran o programa: Carballedo, Taboada, Sober, O Saviñao, Pantón, A Peroxa, Coles, Vilamarín e Amoeiro.
Durante este curso impartiranse 16 accións formativas do catálogo de especialidades do SEPE, con posibilidade de completar a formación con prácticas en empresas, o que permitirá aos participantes mellorar a súa cualificación de cara ás demandas do mercado laboral. A asistencia ás actividades será remunerada cunha bolsa de 10 euros diarios, e poñerase en marcha medidas de conciliación para o coidado de menores ou persoas maiores a cargo.
Desde a organización explican que as persoas candidatas son preseleccionadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia, que lles comunica a súa inclusión no programa. Non obstante, quen non fose citado e queira participar poderá acudir á selección que se realizará do 10 ao 14 de novembro nos distintos concellos. O requisito indispensable é estar inscrito como demandante de emprego no momento da selección.
O PIE desenvólvese no marco da Orde de 16 de xullo de 2025 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, publicada no DOG nº 136 do 17 de xullo, e está financiado con fondos da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal.
Datas
- Sober: 10/11/2025, 9:30 horas, Concello
- Pantón: 10/11/2025, 11:30 horas, Concello
- O Saviñao: 11/11/2025, 9:30 horas, Centro Sociocultural 3ª Edad
- Taboada: 11/11/2025, 11:30 horas, Concello
- Vilamarín: 12/11/2025, 9:30 horas, Concello
- Amoeiro: 12/11/2025, 11:30 horas, Concello
- A Peroxa: 13/11/2025, 9:30 horas, Concello
- Coles: 13/11/2025, 11:30 horas, Concello
- Carballedo: 14/11/2025, 9:30 horas, Concello
- Chantada: 14/11/2025, 11:30 horas, Auditorio Municipal